O ciclo "ARTERIA Raíz"presenta o espectáculo de Vaamonde, Lamas & Romero
O reputado trío, que mestura música tradicional e retranca, toca en ARTERIA Noroeste o vindeiro xoves 4
ARTERIA Noroeste continúa en Santiago de Compostela o ciclo ARTERIA Raíz, dedicado á música de inspiración tradicional. Así, o vindeiro xoves, 4 de marzo, terá lugar a presentación en concerto de Vaamonde, Lamas & Romero, trío de ases da música tradicional galega, que aderezan os seus concertos con celebradas doses de retranca. O evento comeza ás 9 da noite cun prezo básico de 5 euros. Suso Vaamonde (gaita, pandeireta e triángulo), Pedro Lamas (saxo soprano) e Xosé Lois Romero (acordeón) son nomes referenciais da música tradicional galega renovada. O seu labor, xuntos ou por separado, desenvólvese nos ámbitos da docencia, a composición, a edición de partituras ou a interpretación. Cando non tocan xuntos, traballan en discos de Nova Galega de Danza (formación na que Lamas relevou a Romero como director musical), Fuxan Os Ventos, Luvas Verdes, Susana Seivane, Mercedes Peón, Xabier Díaz, Xosé Manuel Budiño, Uxía e moitos máis proxectos. Á marxe da súa solvencia musical, premiada en múltiples certames, a singularidade do trío Vaamonde, Lamas & Romero radica nos seus concertos, aderezados cunha dose de humor, teatralidade e campechanía. No seu concerto en ARTERIA Noroeste, VL&R interpretarán o repertorio contido no seu disco Vellas artes con moita retranca. O evento, enmarcado no ciclo ARTERIA Raíz, comeza ás 9 da noite e o billete básico, xa á venda na web caixagalicia.es, custa 5 euros (4 euros con bonificación). Información:
ARTeria Noroeste
Parque Vista Alegre
Rúa das Salvadas, 2A
15705 Santiago de Compostela
Tfno: 981.569082 / 981.569183
e-mail: noroeste@arteriamultiespacios.com



