Nace CULTURA REVISTA SGAE: tendencias musicais, audiovisuais e escénicas
Creada pola SGAE e con periodicidade trimestral, presenta reportaxes, entrevistas e análises de actualidade

Antonio Onetti, presidente da SGAE: “A revista será un escaparate de talentos presentes e futuros”

Dirixe o galego Tito Lesende, xornalista cultural con experiencia en prensa escrita, radio e medios dixitais

A Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) presenta CULTURA REVISTA SGAE, unha publicación dixital creada para proxectar os valores musicais, audiovisuales e escénicos que hoxe son tendencia. A nova revista, que terá periodicidade trimestral, é unha produción da SGAE dende o seu departamento de Actividades Complementarias. O primeiro número, que sae este 16 de setembro, dedica a súa portada a unha reportaxe titulada Fuego flamenco, que ofrece unha visión actual do xénero a través das voces de María José Llergo, Rocío Márquez, Cristian de Moret, Álvaro Romero, Rosario la Tremendita e David Lagos, coa achega do flamencólogo Juan Diego Martín Cabeza.

O director de CULTURA REVISTA SGAE é o xornalista cultural galego Tito Lesende (A Coruña, 1971),con ampla experiencia en medios de prensa escrita, radio e comunicación dixital, tamén autor de varios libros de temática musical con incidencia en España e Latinoamérica. Encárgase da reportaxe de portada deste primeiro número outro coruñés, o xornalista David Saavedra, habitual en publicacións como Rockdelux ou Icon-El País.

CULTURA REVISTA SGAE distribúese a tódolos socios e socias da SGAE, institucións culturais, empresas do sector e medios de comunicación, así como ao público en xeral. A revista pode consultarse en cultura.sgae.es, páxina web da SGAE e demais canles dixitais da entidade de xestión.

Sobre esta nova publicación, Antonio Onetti, presidente da SGAE, afirma que “será un escaparate de talentos presentes e futuros. Representamos o tesouro artístico de varias xeracións e son consciente da importancia da parte máis consolidada do noso catálogo, pero creo tamén nun futuro valioso”. O primeiro número de CULTURA REVISTA SGAE entrevista á cineasta Laura Hojman, inmersa na rodaxe dun documental sobre a pioneira feminista María Lejárraga. Tamén a Jesús Carmona, recente Premio Benois de la Danse en Moscú, que este ano estreará o seu espectáculo Baile de bestias e participará en Malinche, o musical de Nacho Cano. Outros protagonistas da publicación son os músicos galegos Baiuca, dani e mariagrep; a dramaturga Lola Blasco (Premio Nacional de Literatura Dramática); o cantante Ángel Stanich ou a compositora Raquel García-Tomás (Premio Nacional de Música).

CULTURA REVISTA SGAE engade reportaxes de interese sectorial e importantes sinaturas convidadas. Así, ofrécese unha análise de tendencia audiovisual a cargo de Concepción Cascajosa, presidenta do Observatorio de Igualdade de RTVE e directora do Dpto. Comunicación da Universidad Carlos III de Madrid. Tamén se propón un estudo de posibilidades das artes escénicas no ámbito dixital, a cargo do xornalista Julio Bravo (redactor cultural de ABC, homenaxeado este ano polo Festival de Teatro Clásico de Almagro). Por outra banda, o mencionado especialista musical David Saavedra é o autor da reportaxe de portada, dedicada ao flamenco fusionado.

“Dende o maior respecto ao noso repertorio histórico”, di Antonio Onetti, “a SGAE vive un proceso de evolución e neste caso pon a ollada no lume que hoxe arde, nos autores e autoras en desenvolvemento e nas voces artísticas en irrupción. Deixamos atrás calquera formulación conservadora ou convencional para coser as nosas inquedanzas á realidade vixente do noso ecosistema cultural”. O presidente da SGAE lembra que esta publicación contempla “de facto” a presenza da creación feminina en situación de igualdade con respecto á masculina, e que se recolle “a nosa diversidade cultural e territorial, que se estenderá tamén aos nosos socios e socias do ámbito latinoamericano”.

Accede a CULTURA REVISTA SGAE