II Titorías AGAG para Mulleres Guionistas
A Asociación Sindical Galega de Guionistas organiza esta segunda convocatoria en colaboración coa Fundación SGAE

6 autoras poderán obter titorías para os seus proxectos audiovisuais segundo categoría: longametraxe, serie e programa de TV

O prazo de entrega de solicitudes ábrese hoxe ata o 1 de outubro

As Titorías AGAG para Mulleres Guionistas son unha iniciativa da Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) en colaboración coa Fundación SGAE. Esta actividade naceu en 2020 para promover a presenza de mulleres guionistas no audiovisual galego, asesorando e dando a coñecer os proxectos de creadoras galegas con e sen experiencia profesional.

Nesta segunda edición poderán participar tódalas mulleres maiores de idade, de nacionalidade española ou residencia en España, cun proxecto orixinal en galego, de temática libre, para longametraxe, serie ou programa de televisión. O prazo de presentación estará aberto do 15 de setembro ao 1 de outubro de 2021, ambos inclusive, e a documentación requirida poderá consultarse na web da Asociación Sindical Galega de Guionistas, xunto co texto completo das bases da convocatoria.

AGAG seleccionará un total de 6 autoras: 2 na categoría de longametraxe, 2 na categoría de serie e 2 na categoría de programa de televisión. Un mínimo do 50% dos proxectos seleccionados serán de autoras noveis. O anuncio das autoras seleccionadas farase público o 20 de outubro de 2021.

As titorías desenvolveranse online e terán unha duración de 6 meses, dende novembro de 2021 ata abril de 2022. Consistirán nunha reunión mensual (ata un total de 6) para acompañar o proceso de escrita dos proxectos seleccionados e aconsellar as súas autoras dende un punto de vista profesional. Sempre tendo en conta que a última palabra é das autoras, estas terán completa liberdade creativa e as súas voces serán respectadas. As titorías correrán a cargo de profesionais de recoñecida traxectoria en cada ámbito do sector e serán escollidos por AGAG en función dos proxectos seleccionados. Os titores e titoras desta edición serán anunciados nas vindeiras semanas.

Antecedentes do proxecto de Titorías AGAG

O estudo publicado en outubro de 2019 polo Consello da Cultura Galega sobre a situación das traballadoras do audiovisual e das artes escénicas en Galicia puxo de manifesto, unha vez máis, a desigualdade entre homes e mulleres nestes sectores. No caso do audiovisual, a situación é especialmente grave en postos como dirección, fotografía e guión.

Na Asociación Sindical Galega de Guionistas e a Fundación SGAE somos conscientes da importancia das historias e das voces dos seus creadores e creadoras. Pero, aínda que as mulleres adoitan ser multitude nas aulas dos estudos audiovisuais, a súa presenza é minoritaria nas salas de guión e casi nula nos postos de xefatura e coordinación.

Os motivos desta situación son variados e complexos, pero é preciso que entre todos e todas busquemos unha solución. Deste xeito, conseguiremos un audiovisual máis diverso, plural e rico. Entendendo que non existe unha única solución ao problema, queremos poñer o noso gran de area na construción dese audiovisual máis diverso. Por iso imos apostar un ano máis polas creadoras.

Na edición anterior das Titorías de AGAG para Mulleres Guionistas foron seleccionados os seguintes proxectos: Terás que saltar, de Irene Pin; A Illa da Morte, de Paula Mariñas; As mulleres non son de porcelana, de Marián Fernández; Non son deste mundo, de Alba Araújo; Crónicas de Trastamar, de Elena Gallego Abad; e WC, de Alba Naveira e Raquel Novo.

Máis información e inscricións