'Camiño Escena Norte' comeza este domingo co apoio da Fundación SGAE
Trátase dun circuíto de intercambio escénico entre Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi

Do 12 de setembro ao 10 de outubro, nove municipios galegos recibirán unha diversidade de espectáculos cantábricos

Ademais, Fundación SGAE promove encontros e obradoiros coas compañías cántabras Babirusa Danza e La Machina Teatro e as vascas Ados Teatroa e Marie de Jongh

Camiño Escena Norte é un circuíto de intercambio cultural promovido polas entidades profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria) e Eskena (País Vasco) co apoio da Fundación SGAE. A base desta proposta é unha intensa programación escénica que se expande á fin de xerar sinerxías, encontros co público e a reflexión no propio sector, ademais de pór en valor a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes das producións galega, asturiana, cántabra e vasca.

Nesta edición de 2021, que chega co lema Volver camiñar, o programa conta con 11 espectáculos en xira e 37 sedes repartidas nas catro Comunidades Autónomas. Galicia recibirá unha diversidade de espectáculos en nove municipios. A primeira función será este domingo, 12 de setembro, na praza de San Martiño Pinario, de Santiago de Compostela, onde se representará La naturaleza del silencio, unha proposta de danza contemporánea da compañía cántabra Babirusa Danza. O acceso é libre por orde de chegada.

O mesmo domingo, ás 10:30 da mañá, Babirusa Danza ofrecerá un obradoiro de movemento e contextualización baseado no seu propio espectáculo. Trátase do primeiro de varios encontros que impulsa a Fundación SGAE con compañías de Cantabria e Euskadi e que terá continuidade con La Machina Teatro en Arzúa (25 de setembro), Marie de Jongh en Vilalba (1 de outubro) e Ados Teatroa en Santiago de Compostela (10 de outubro).

As compañías galegas que participan en Camiño Escena Norte 2021 son Elefante Elegante, Nova Galega de Danza e Tanxarina.

Podes consultar a actividade e a programación na web de Camiño Escena Norte