Concurso ‘CreaClásica 2021’ de creación sinfónica
Esta actividade, convocada pola Orquesta Clásica de Vigo, conta co apoio da Fundación SGAE

Os autores titulados poden enviar as súas obras ata o 29 de outubro

A Orquesta Clásica de Vigo abre a convocatoria do III CreaClásica, concurso de composición destinado a novos compositores galegos. A Fundación SGAE, a través do Consello Territorial da SGAE en Galicia, apoia esta actividade, que aposta pola difusión e recoñecemento de talentos emerxentes e pretende, ademais, incrementar o repertorio sinfónico galego contemporáneo. O certame quere ofrecer unha plataforma para todos aqueles autores galegos que saen dos conservatorios e non contan cun espazo para divulgar e difundir as súas creacións.

As persoas que presenten as súas composicións ao certame CreaClásica deberán ter obra sinfónica publicada, non poderán exceder os cinco anos desde a súa titulación (entre 2017 e 2021) e deberán estar asociadas á SGAE e censadas en Galicia. Poderase presentar unha única obra inédita, cunha duración entre 10 e 15 minutos. As solicitudes faranse a través da web da Orquesta Clásica de Vigo, cubrindo o formulario de Google e enviando os materiais a través de Wetransfer á conta crea@corquestaclasica.com. Hase de evitar en todo momento mostrar elementos nos que se poida identificar a autoría, co fin de garantir o anonimato ante o xurado.

O prazo para presentar as candidaturas e os materiais está aberto ata o día 29 de outubro ás 14:00 horas. O veredicto do xurado notificaráselles ás persoas gañadoras con data límite de 11 de novembro, e a decisión será inapelable. CreaClásica ten unha dotación económica de 500 euros para a obra gañadora, que será gravada e interpretada pola Orquesta Clásica de Vigo e difundida a través das súas canles dixitais.