Encontro teatral entre Galicia e Portugal

Imaxe do primeiro encontro Teatragal na MITCFC

A Fundación SGAE apoia 'Teatragal 25 anos despois', que recupera o diálogo no eixo escénico atlántico

A MITCFC convoca un espazo de reflexión con importantes representantes do sector chegados de Galicia e norte de Portugal

O encontro celebrarase este xoves, 8 de xullo, no Auditorio Municipal de Cangas

A Fundación SGAE, a iniciativa do Consello Territorial da SGAE en Galicia, apoia o encontro sectorial Teatragal 25 anos despois. No marco da XXXVIII Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC), esta actividade recupera o diálogo no eixo escénico atlántico coa participación de importantes voceiros de Galicia e norte de Portugal. A convocatoria é no Auditorio Municipal de Cangas este xoves, 8 de xullo (16:30 horas), con acceso libre.

Esta reunión sectorial celebra 25 anos dende a estrea de Terra de lobos, a primeira coprodución teatral galaicoportuguesa, que realizaron Teatro do Noroeste (Viana do Castelo, Portugal) e Teatro de Ningures (Cangas, Galicia). Aquela ocasión deu lugar a Teatragal, un espazo de diálogo e intercambio de experiencias entre territorios a ámbalas beiras do río Miño.

Co apoio da Fundación SGAE, Teatragal 25 anos despois quere retomar a reflexión e reforzar a comunicación no eixo escénico atlántico, debatendo sobre a relación actual entre territorios e a evolución da creación teatral no último cuarto de século.

Moderará este encontro o investigador Manuel F. Vieites. Participan: Chelo Pampillón (presidenta de FEGATEA); Fran Nuñez (director do Centro Dramático de Galicia); Marta Pazos (dramaturga e directora de Voadora); Elisabete Pinto (directora do Teatro do Noroeste, Viana do Castelo); Ricardo Simoes (director artístico do Teatro do Noroeste, Viana do Castelo); Rui Madeira (director da Companhia de Teatro, Braga); José Leitao (director do Teatro Art’Imagem, Oporto); Carlos Santiago (dramaturgo, director e actor); Zè Paredes (dramaturgo, director e actor); Manuel Xestoso (escritor, tradutor e crítico teatral); Camilo Franco (escritor e crítico teatral); Xesús Ron (director de Chévere); Pepa Barreiro (actriz, Teatro de Ningures); Luma Gómez (actriz, Teatro do Noroeste); e María Barcala (actriz, Teatro do Atlántico).

Máis información