O grupo galego Sumrrá, seleccionado para ‘JazzEñe 2021’
A Fundación SGAE organiza esta mostra no marco do 56º Festival de Jazz de San Sebastián

O trío galego, composto por Manuel Gutiérrez, Xacobe Martínez Antelo e LAR Legido, actuará o 24 de xullo diante de programadores internacionais de jazz

Xunta Sumrrá tocarán tamén Ariel Brínguez Quintet; Caminero Quintet; Chano Domínguez Trío; Daniel García Trío; Smack Dab; Alba Careta Group; e Manolo y Curra, escollidos entre 252 aspirantes

A Fundación SGAE, en colaboración co Concello de Donostia/San Sebastián, Donostia Kultura e o Festival de Jazz de San Sebastián/Donostiako Jazzaldia, organiza a sétima edición de JazzEñe, que ten como obxectivo a internacionalización do jazz iberoamericano. No marco do 56º Jazzaldia, que se celebrará do 22 ao 25 de xullo en San Sebastián, JazzEñe ofrecerá un total de oito concertos a cargo dunha selección de proxectos notables deste xénero na actualidade. Entre eles está o trío galego Sumrrá, pero tamén Ariel Brínguez Quintet, Caminero Quintet, Chano Domínguez Trío, Daniel García Trío, Smack Dab, Alba Careta Group e Manolo y Curra.

Estes grupos foron escollidos dun total de 252 solicitudes, recibidas a través dunha convocatoria da Fundación SGAE dirixida aos seus socios do ámbito iberoamericano. As propostas foron seleccionadas por un comité composto por José Miguel Carmona (director institucional de Música da Fundación SGAE); Javier Estrella (director de JazzEñe); Miguel Martín, (director de Jazzaldia); José Francisco Tapiz (director de Tomajazz); e Lara Vizuet (autora e cantante de jazz, participante en JazzEñe en 2018).

JazzEñe contará coa presenza de representantes de diversos festivais e promotores de jazz europeos, convidados pola Fundación SGAE, interesados en coñecer a realidade do xénero en España e Iberoamérica. Ante eles tocará o grupo galego Sumrrá, cun currículo de 21 anos de carreira e centos de concertos por todo o mundo. Esta formación permítese agora un intre de pausa e reflexiona sobre o presente a través de 7 visións que explican de onde vimos, onde estamos e cara onde imos. Son sete visións lúcidas e xeniais que confirman as capacidades compositivas e interpretativas de Manuel Gutiérrez, Xacobe Martínez Antelo e L.A.R. Legido.

Como complemento ao seu concerto do 24 de xullo en JazzEñe, ao que tamén poderá asistir o público xeral, Sumrrá terá a oportunidade de expoñer e debater a súa proposta cos profesionais internacionais convidados. A Fundación SGAE facilita estes encontros para propiciar a expansión do traballo dos seus socios alén das súas fronteiras.

 

Sobre ‘JazzEñe’

JazzEñe é un programa da Fundación SGAE creado para difundir internacionalmente o catálogo de jazz dos seus socios e socias, incentivar a súa participación en festivais, promover xiras internacionais e favorecer os encontros e o intercambio de experiencias e coñecemento entre profesionais do sector (autores, artistas, managers, programadores, directores de festivais, discográficas, etc.) de España e o resto do mundo.

Trala súa primeira edición, celebrada en Madrid en 2014, o certame trasladouse á cidade de Valencia e, dende aquela, pasou tamén por Zaragoza e Málaga. Agora, na súa sétima edición, esta mostra chega ao 56º Festival de Jazz de San Sebastián–Donostiako Jazzaldia, bastión do jazz con alcance internacional.

Máis información