Os músicos emprenden unha campaña para facer visible a súa profesión e subliñar o poder da música como vacina emocional
Denomínase #soloesmúsica e apela ao valor do traballo dos músicos por parte da sociedade e das administracións

Máis de 10.000 profesionais sumáronse ata a data á campaña; entre eles, Martirio, Rosendo, Manolo García, Najla Shami, Fito Cabrales, Nacho Campillo, Esperanza Fernández, Jordi Savall, Aurora Beltrán ou Jorge Pardo

Martirio, Rosendo, Manolo García, Fito Cabrales, Carlos Goñi, Esperanza Fernández, Nacho Campillo, Aurora Beltrán, Jorge Pardo, Nacho Tarrés, Najla Shami, Nacho García Vega, Eliseo Parra, Diego Vasallo, Jordi Savall, Susana Seivane, José María Guzmán, Gerardo Núñez, Max Suñé, Carlos Segarra, Joan Albert Amargós, Pablo Novoa, Gontzal Mendibil ou Cantores de Híspalis son só algúns dos máis de dez mil profesionais do mundo da música -autores, intérpretes, compositores…- que, a título individual ou a través das distintas asociacións que os representan, sumáronse á campaña #soloesmúsica, coa que se desexa sensibilizar tanto á cidadanía como ás administracións públicas sobre a transcendencia e o peso que a música ten nas nosas vidas. A música como xeradora de emocións e sentimentos, como protección e compañía fronte a adversidade, como elemento de cohesión de toda a comunidade, como banda sonora das nosas lembranzas, imaxinario e ilusións, como vacina anímica nestes tempos tan incertos que atravesamos. Porque, sen dúbida, a música é vida e sen ela todo sería moi diferente.

Pero… Quen hai detrás das partituras e acordes, das melodías e os ritmos, deses retrousos coreados a pleno pulmón por todo o público en multitudinarios festivais ou en salas de concertos, desas letras nas que tantas veces nos vimos reflectidos…? Os músicos, en efecto: de jazz, de pop, de rock, de flamenco, de música clásica, de folk… Os músicos: coñecidos e menos coñecidos. Profesionais da emoción cuxo labor, malia o beneficio que aporta ao conxunto da sociedade, non sempre é ben entendida nin recoñecida co cariño que lle correspondería.

Así o entende a Unión de Músicos (UdM) como partícipe da Mesa de Federacións de Músicos, que representa a máis de 25 asociacións profesionais. Co respaldo da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) e a Sociedade de Artistas, Intérpretes ou Executantes (AIE), lanza a campaña de sensibilización #soloesmúsica co obxectivo de poñer en valor a música como elemento integrador que forma parte das vidas de todas e todos. A iniciativa, que propón unha reflexión arredor da figura e o papel do músico, e paralelamente sobre a consideración e o respecto que a sociedade outorga ao seu traballo, canalízase a través da páxina web www.soloesmusica.com e desenvolverase tamén a través das redes sociais. Entre outros materiais, a campaña conta xa con vídeos gravados por numerosos músicos nos que estes profesionais desvelan algunhas das súas lembranzas musicais máis íntimas, apelan á conciencia cidadá e gobernamental para que se axude ao sector a superar esta complicada situación orixinada pola pandemia da COVID-19 ou, incluso, explican o que a música supón para as súas vidas.

Nesa liña, por exemplo, o compositor e intérprete Diego Vasallo confesa que, tras case catro décadas de andaina profesional, aínda segue intentando “descifrar por qué a música nos conmove tanto e por qué nos acompaña durante toda a vida”. A cantante, guitarrista e compositora Aurora Beltrán, pola súa parte, desvela cómo a súa primeira guitarra, que lle regalou o seu pai, salvoulle a vida tras contraer con só sete anos unha estraña doenza que a mantivo totalmente inactiva durante dous longos anos: “Salvoume, salvoume deses períodos de tempo interminables. Pode que só fose música, pero que non é música?”.

Noutro vídeo, o músico e divulgador Eliseo Parra apunta ao centro da cuestión: “A música forma parte da vida do xénero humano dende tempo inmemorial. Iso sábeo todo o mundo. Pero habería que lembrar que, para que haxa música, necesítase ao músico”.

Por outra banda, o veterán José María Guzmán aproveita a súa intervención para infundir ánimos ás súas compañeiras e compañeiros de profesión que están a sufrir con especial rigor as consecuencias das medidas sanitarias adoptadas contra a COVID-19. E, nesa liña, remata categórico: “Un país sen cultura e sen música é un país inerte, un país morto. Un país sen cultura non é nada”. Najla Shami sinala que o seu é un “sector que tece afectos moi necesarios a través da música”, un sector que atravesa un momento moi difícil por mor de “problemas endémicos que se intensificaron coa pandemia”. Por iso, a vocalista e compositora reclama: “Necesitamos con moitísima urxencia que a nosa situación se amañe e que poidamos vivir dun xeito digno do que máis nos gusta facer”.

Dende a súa dobre vertente de intérprete e profesora, Diana Tarín asegura que “nada é máis reconfortante que ver a un alumno cando empeza a voar só musicalmente” e, a modo de despedida, achega unhas notas de optimismo que hoxe son máis necesarias que nunca: “Isto non vai ser eterno. Todo isto que está a acontecer axiña será historia”. Será entón cando a música volverá aos escenarios e as salas a vibrar cos aplausos e a emoción do público. Máis pronto que tarde, que así sexa.

Demandas clave

“Os músicos non somos nin máis nin menos ca ninguén”. Con estas palabras comeza o manifesto que encabeza a campaña #soloesmúsica, para pasar a enumerar unhas liñas despois algúns dos motivos polos que se decidiu emprender esta iniciativa e que, como seres humanos, “coas nosas cousas, as nosas necesidades, obrigas e dereitos”, comparten co resto da sociedade: “respirar, traballar, cobrar o xusto para pagar as facturas a tempo, desfrutar de boa compañía na terraza do bar do lado, axudar a reconstruír este país extraordinario, emocionarnos e emocionar, sorprender e chorar de alegría sabendo que compartimos máis do que soñamos nunca”.

A partir de aí, o texto complétase cunha serie de demandas clave para intentar paliar a terrible situación que atravesa o sector da música: desenvolvemento e aprobación no menor prazo posible de tempo do Estatuto do Artista; regulación do ámbito dixital para que os creadores musicais reciban unha xusta remuneración polo seu traballo; e, finalmente, apoios efectivos que cubran as necesidades reais dos músicos mentres os escenarios sigan calados.