A asociación sociocultural La Melona presenta ‘Portas transformadoras’, que inclúe sesións en vídeo sobre manexo do programa Ableton Live e sonorización de eventos
A asociación sociocultural La Melona, co apoio da Fundación SGAE en Galicia, divulga unha serie de vídeos formativos sobre produción para proxectos musicais. Portas transformadoras quere cubrir a demanda de coñecemento do gremio de autores e compositores e, en especial, ofrecer inspiración e solucións para a produción de música e a súa sonorización en directo.
Dende hoxe está dispoñible o primeiro dos titoriais de Iniciación á creación musical con Ableton Live, conducido por Manu Blanco, músico e produtor de Blanco Palamera ou Marem Ladson. Podes miralo nesta ligazón.
Despois chegará Iniciación á sonorización en directo, dirixido polo experto Juan Garrido. Tódolos vídeos das sesións serán aloxados na canle de La Melona en YouTube, á que podes acceder aquí.
Deseguido, o programa formativo de Portas transformadoras:
Iniciación á creación musical con Ableton Live
Ableton Live é un secuenciador de audio e MIDI pensado para composición musical e/ou interpretación en directo. Nunha serie de dous vídeos titoriais, Manu Blanco fará unha introdución a esta ferramenta e amosará cómo crear un proxecto musical dende cero. O docente, que estudou Produción Musical e Enxeñería de Audio no Instituto SAE de Madrid, é un dos integrantes do grupo Blanco Palamera, aínda que tamén ten desenvolvido producións e colaborado con artistas como Marem Ladson, La Buena Nueva ou Mariagrep.
Accede aquí á primeira sesión.
A segunda sesión será divulgada na mesma canle o 19 de marzo.
Iniciación á sonorización en directo
Este módulo tratará de achegar aos usuarios as ferramentas precisas para embarcarse na sonorización de todo tipo de proposta musical en directo. Os seus contidos abranguen dende a conexión dun equipo de PA ata a ecualización, compresión e mestura, pasando polas posibilidades de microfonía para a sonorización de cada elemento. As sesións serán compartidas na canle de La Melona en Youtube os días 23 e 26 de marzo.
O docente, Juan Garrido, é Técnico Superior en Son para Audiovisuais e Espectáculos pola Escola Audiovisual de Vigo e ten o Máster de Son en Directo de Trade Formación (Madrid), impartido por Fluge. Traballou en empresas como EMSAC Producciones, Fluge, JLD Audio ou Ergo Audio, entre outras.