Fundación SGAE convoca o ciclo ‘Formación para profesionais da música’
Expertos no oficio musical ofrecerán unha serie de obradoiros sobre composición, produción, estratexias de comunicación e música para o audiovisual

Combinaranse as sesións presenciais na Sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela e unha clase maxistral ‘online’ de estratexia de comunicación

A actividade celebrarase entre os días 23 de marzo e 23 de abril

A Fundación SGAE convoca en Galicia o ciclo Formación para profesionais da música, unha serie de obradoiros que ofrecerán ferramentas útiles para profundar en diversas materias relativas a esta disciplina creativa. O obxecto da actividade, impulsada polo Consello Territorial da SGAE en Galicia, é achegar recursos aos nosos creadores musicais para un aproveitamento do seu talento que os faga mellores e máis competitivos.

Se a situación sanitaria o permite, as sesións desenvolveranse de xeito presencial na Sede da Fundación SGAE en Galicia (r/ Salvadas, 2A – Santiago de Compostela), agás a clase maxistral Estratexias de comunicación da obra musical, que se celebrará a través da plataforma Webex.

As persoas interesadas poden solicitar información ou realizar a súa inscrición nas ligazóns que ofrecemos deseguido, ou tamén no email pblanco@fundacionsgae.org, especificando claramente no asunto a xornada á que se desexa asistir.

Este é o detalle de obradoiros, docentes e calendario coas respectivas ligazóns:

23 a 26 MAR 2021, 10:30-14:30 h.
Santiago de Compostela, Sede da Fundación SGAE.
Obradoiro de composición avanzada

Docente: Sergio Delgado. Compositor, pianista, clarinetista e produtor cubano residente en Galicia. Cun salientable labor docente no seu país natal, traballou aquí con músicos como Nani García, Sés, Roberto Somoza ou Carmen Rey. En 2005, xunta o saxofonista Carlos Averhoff Jr, gañou o primeiro premio do concurso de composición Concerto Autor da SGAE.

Obxectivos: Destinado a autores con coñecementos previos que desexen profundar na composición musical. Aprenderanse novas técnicas de creación e analizaranse as habilidades, competencias e destrezas dun profesional deste oficio.

Máis información, prezo e inscricións

5 a 8 ABR 2021, 10:30-14:30 h.
Santiago de Compostela, Sede da Fundación SGAE.
Obradoiro de produción musical

Docente: Guillermo Laorga. Enxeñeiro e copropietario do estudio de gravación Granero Soundlab, centrado en producións de audio e vídeo. Especializado na composición e gravación de bandas sonoras, efectos sonoros e audio para importantes videoxogos. Docente de SAE Institute.

Obxectivos: Destinado a músicos ou estudantes de composición, son e produción musical, o obradoiro ofrecerá ferramentas para optimizar as capacidades do enxeñeiro e tamén do artista. A meta é aprender os conceptos e procesos necesarios para afrontar unha produción musical de xeito eficiente e creativo.

Máis información, prezo e inscricións

14 ABR 2021, 16:30-18:30 h.
Webex - Clase maxistral gratuíta online.
Estratexias de comunicación para a obra musical

Docente: Carlos Amor Nájera. Profesional de ampla experiencia nos departamentos comerciais das multinacionais discográficas Warner Music e BMG Ariola, traballando nos proxectos de importantes músicos. Posteriormente, foi pioneiro no departamento de explotación de merchandising dos artistas de Sony Music no ámbito internacional.

Obxectivos: Destinado a músicos ou estudantes da contorna musical, facilitaranse ferramentas para a explotación artística das redes sociais, plataformas de streaming ou YouTube. Analizando o contexto comercial, a meta é crear unha marca persoal recoñecible para o público.

Máis información e inscricións

19 a 23 ABR 2021, 10:30-14:30 h.
Santiago de Compostela, Sede da Fundación SGAE.
Obradoiro de composición e produción de música para o audiovisual

Docente: Juanjo Molina. Compositor, director de orquestra e intérprete especializado na composición para cine, televisión, teatro e videoxogos. De formación internacional, ten composto obras para orquestras e para multitude de proxectos audiovisuais. Foi director musical de musicais como Annie, Peter Pan, Shrek ou The world of Abba e colaborou con artistas como Manolo Tena, Huecco, Los Chunguitos ou Lucía Pérez.

Obxectivos: Destinado a músicos, docentes ou estudantes de composición ou do medio audiovisual, o obradoiro ofrecerá un contacto coas tecnoloxías aplicadas á música e unha ollada ás técnicas compositivas para os distintos produtos audiovisuais. Observaranse alternativas profesionais para os creadores e produtores de música.

Máis información, prezo e inscricións