Falece o guionista coruñés Juan Antonio Porto
Asinou os guións de ‘El crimen de Cuenca’ ou ‘Beltenebros’, entre outras grandes películas

O guionista Juan Antonio Porto (A Coruña, 1937) faleceu hoxe en Madrid aos 84 anos de idade, segundo informaron á SGAE fontes do seu ámbito familiar. Diplomado en Dirección pola Escola Oficial de Cinematografía, ao longo da súa andaina profesional escribiu máis de sesenta guións de cine.

Colaborador habitual de Pilar Miró, foi autor do guión de El crimen de Cuenca (1979)ecoautor de Beltenebros (1991). En 1970 escribiu El bosque del lobo xunta o director Pedro Olea. O seu guión máis recente foi La conjura de El Escorial (2008), de Antonio del Real. No seu labor pedagóxico, foi profesor na Escola de Cine da Comunidade de Madrid. En febreiro de 2009 o Consello de Ministros de España outorgoulle a Medalla de Ouro ao mérito nas Belas Artes.

Especialmente comprometido coa defensa dos creadores e os dereitos de autor, foi membro da Xunta Directiva da SGAE polo colexio de Audiovisuais. Colaborou, ademais, en comisións específicas para a defensa do colectivo de creadores e impulsou o recoñecemento de autores como Antonio Isasi-Isamendi ou Gregorio García Segura.

A Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE), da que era membro dende 1970,  expresa publicamente as súas condolencias a familiares e seres queridos nestes difíciles momentos. Descanse en paz este autor cuxa paixón foi a escrita por e para o cine, sempre cunha exhaustiva documentación histórica.