Fundación SGAE presenta os seus Laboratorios de Creación 2021
O prazo de presentación remata o vindeiro 22 de febreiro de 2021

A Fundación SGAE abre a convocatoria dos Laboratorios de Escrita Teatral, Escrita de Guión Cinematográfico e Creación de Series de Televisión na súa edición de 2021. Dirixida aos socios e as socias da SGAE, o obxectivo desta iniciativa é fomentar a escrita, promover a creación e brindar apoio aos autores e as autoras.

IX Laboratorio de Escrita Teatral

Aqueles autores e autoras, socios/as da SGAE, interesados/as en participar no IX Laboratorio de Escrita Teatral deberán presentar un proxecto de obra dramática, de autoría única ou en colaboración con outros/as autores/as, en calquera lingua cooficial do Estado español, a través do correo electrónico: formacion@fundacionsgae.org

Un xurado composto por profesionais das artes escénicas e presidido polo director/a do IX Laboratorio de Escrita Teatral seleccionará un máximo de seis das propostas presentadas, nas que se traballará dende abril ata outubro de 2021 en sesións tanto presenciais como online. A Fundación SGAE asumirá os custes de desprazamento dos participantes.

A Fundación SGAE, que dará a coñecer a resolución en abril de 2021, dotará con 4.500 euros (imp.inc) a cada un dos autores seleccionados e publicará as obras resultantes nun único volume na colección Teatroautor que edita a Fundación SGAE.

IX Laboratorio de Escrita de Guión de Cine

No que respecta ao IX Laboratorio de Escrita de Guión de Cine, os socios e as socias interesados/as poderán presentar un único proxecto de escrita de guión de longametraxe para cine, de autoría única ou en colaboración con outros autores, en calquera lingua cooficial do Estado español, a través do correo electrónico: audiovisuales@fundacionsgae.org. O proxecto incluirá unha sinopse e un tratamento cunha extensión recomendada de 20 folios, aproximadamente.

Un xurado, composto por profesionais do sector audiovisual e presidido polo director/a do IX Laboratorio, seleccionará ata seis proxectos que se desenvolverán dende o vindeiro mes de marzo ata setembro de 2021 en sesións tanto presenciais como online. A Fundación SGAE asumirá os custes de desprazamento dos participantes.

A Fundación SGAE, que anunciará os resultados da convocatoria en marzo de 2021, dotará de 4.500 euros (imp. incl.) a cada un dos/as autores/as finalistas.

VIII Laboratorio de Creación de Series de Televisión

Tamén se abre o prazo do VIII Laboratorio de Creación de Series de Televisión. Os membros da entidade que queiran participar deberán presentar un único proxecto de serie de televisión, de autoría única ou en colaboración con outros autores, en calquera lingua cooficial do Estado español, a través do correo electrónico: audiovisuales@fundacionsgae.org

Un xurado, formado por profesionais do sector e encabezado polo director/a do VIII Laboratorio encargarase de elixir ata seis proxectos que se porán en práctica dende o mes de marzo ata o mes de xuño de 2021 en sesións tanto presenciais como online. A Fundación SGAE asumirá os custes de desprazamento dos participantes.

A Fundación SGAE, que dará a coñecer a decisión do xurado en marzo de 2021, dotará de 4.500 euros (imp. incl.) a cada un dos autores finalistas e presentará estes proxectos no pitching de Fundación SGAE en Conecta FICTION, unha oportunidade para amosar ante produtores nacionais e internacionais os proxectos de ficción na procura de financiamento e acordos de produción.

Máis información e bases