Os XXIV Premios Max das Artes Escénicas abren a fase de inscrición e premian o labor de produción cunha nova categoría
A convocatoria permanecerá aberta ata o 1 de marzo de 2021 para tódolos espectáculos estreados dende o 16 de decembro de 2019 ata o 31 de marzo de 2021

Incorpórase a categoría 'Mellor labor de produción'

Ata o 10 de abril, aberto o prazo de presentación de candidaturas para o Premio Max Amador ou de Carácter Social

Hoxe, luns 18 de xaneiro de 2021, dá comezo a XXIV edición dos Premios Max das Artes Escénicas coa apertura do período de inscrición de espectáculos estreados, reestreados ou en xira entre o 16 de decembro de 2019 e o 31 de marzo de 2021 e dos profesionais que os realizaron nos seus diferentes aspectos artísticos e técnicos.

As producións que queiran participar nos Premios Max 2021 poderán inscribir a súa candidatura ata o 1 de marzo de 2021. Unicamente se considerarán as obras ou espectáculos realizados por compañías profesionais.

No caso de espectáculos teatrais, de rúa ou para público infantil, xuvenil ou familiar, estes deberán ter realizado un mínimo de cinco representacións e ter programadas outras cinco antes do 30 de xuño de 2021, tanto en territorio nacional como internacional. O Comité Organizador dos Premios Max poderá valorar situacións extraordinarias e incluílas en competición, sempre que se entregue a documentación necesaria para xustificar esta situación.

Nesta edición, de xeito excepcional e por mor da situación creada pola pandemia da Covid-19, poderán concursar a unha segunda edición aqueles espectáculos en xira que, tendo realizado un mínimo de dez representacións no segundo ano (cinco no caso de espectáculos de rúa), non resultaran finalistas na primeira edición á que concorreran.

Nova categoría: 'Mellor labor de produción'

A nova edición dos XXIV Premios Max chega cargada de novidades, como a incorporación dunha nova categoría: 'Mellor labor de produción'. Concederase a aquel labor de produción que destaque polo seu deseño, singularidade, risco ou execución, pola optimización dos recursos en favor do resultado artístico, correspondente a un espectáculo de calquera modalidad (teatro, danza, rúa, musicais ou líricos, para público infantil, xuvenil ou familiar). Quedan excluídos desta categoría os espectáculos desenvolvidos, na súa totalidade ou en parte, polas unidades de produción das distintas administracións públicas.

Así mesmo, na categoría 'Mellor composición musical escénica' só competirán aquelas obras musicais orixinais expresamente creadas para a obra teatral, coreografía ou espectáculo.

Organizados pola Fundación SGAE, os galardóns de artes escénicas máis sobranceiros do ámbito estatal celebran 24 anos mantendo 20 categorías a concurso e os seus tres premios especiais: Premio Max de Honor, que distinguirá a carreira dunha persoa pola súa achega, entrega e defensa das artes escénicas; Premio Max do Público, que se concederá ao espectáculo que acade maior número de votos do público a través da aplicación online #VotaMax e se dará a coñecer o día da cerimonia; e o Premio Max Amador ou de Carácter Social, que engloba proxectos a favor da integración e a proxección social e a compañías de teatro amador cunha notable achega ás artes escénicas. O prazo de recepción de propostas permanecerá aberto ata o 10 de abril de 2021.

Nos últimos anos, os Premios Max das Artes Escénicas consolidáronse como referente do sector, acadando cada vez un maior número de seguidores e espertando o interese de compañías de todo tipo e de todo o eido estatal. Á súa última edición, celebrada o 7 de setembro no Teatro Cervantes de Málaga, concorreron 386 espectáculos.

Inscríbete
Máis información