“O fin da verdade” gaña o II Premio ‘Daniel Domínguez’ de Guión en Galego
O texto é obra conxunta de Fernando Tato, Ozo Perozo e Adrián Castiñeiras

Este certame, apoiado pola Fundación SGAE, quere potenciar a lingua galega no audiovisual e difundir o traballo dos nosos autores

A Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) anunciou o gañador do II Premio ‘Daniel Domínguez’ de Guión en Galego, que conta co apoio do Consello Territorial da SGAE en Galicia a través da Fundación SGAE. O texto escollido é O fin da verdade, obra conxunta dos guionistas Fernando Tato, Ozo Perozo e Adrián Castiñeiras. O proxecto recibirá un premio de 2.500 euros e unha suscrición de 6 meses ao mercado online da plataforma Filmarket Hub.

Os obxectivos do Premio ‘Daniel Domínguez’ de Guión en Galego son potenciar a lingua galega no audiovisual e promover o traballo dos nosos autores. O xurado, formado polos guionistas Lidia Fraga, Enrique Lojo, Ángel Manzano e Víctor Grande (integrantes da Xunta Directiva de AGAG), designou o proxecto vencedor por unanimidade, salientando “a súa valentía de percorrer camiños pouco transitados no audiovisual galego”, explicando que “O fin da verdade desenvolve con intelixencia e solidez unha premisa de ciencia ficción que atrapa dende o primeiro intre, mantendo a tensión ata o final da historia”.

Resultaron finalistas A flote (de Jose Veiga) e (Os) Anxos (de Marcos Méndez Moreira), que tamén recibirán unha subscrición gratuíta de 6 meses ao mercado online de Filmarket Hub. Tódolos guións presentados foron escritos en lingua galega para longametraxes de ficción e enviados baixo pseudónimo.

Homenaxe ao guionista Daniel Domínguez

O Premio ‘Daniel Domínguez’ de Guión en Galego estrea esta denominación como homenaxe e recoñecemento á figura do guionista Daniel Domínguez, autor e socio da SGAE recentemente falecido. Pioneiro do audiovisual galego e mestre de varias xeracións de guionistas, Domínguez (Tui, 1955) formou parte do equipo de fundadores da Escola de Imaxe e Son (EIS) da Coruña en 1991. Impartiu clases de guión durante máis de vinte anos neste e noutros centros. Como guionista, traballou en varias das series de televisión máis recoñecidas da TVG: Mareas vivas, Padre Casares, As leis de Celavella ou Terra de Miranda, ademais de escribir longametraxes como Blanca Madison (Carlos Amil, 2000) e curtametraxes.


De esquerda a dereita: Adrián Castiñeiras, Fernando Tato e Ozo Perozo.