Alejandro Galansky, gañador de ‘CreaClásica 2020’
Este proxecto, convocado pola Orquesta Clásica de Vigo, conta co apoio da Fundación SGAE

‘Xogos’ foi a obra premiada neste concurso de composición sinfónica para novos autores galegos

A Orquesta Clásica de Vigo vén de presentar a resolución do xurado do certame CreaClásica, que celebra este 2020 a súa segunda edición. Este concurso de composición para novos autores galegos conta co apoio da Fundación SGAE a través do Consello Territorial da SGAE en Galicia. Nesta ocasión, a obra gañadora é Xogos, de Alejandro Galansky.

O xurado estivo composto por Juan Eiras, Raquel Carrera e Manuel Martínez Álvarez-Nava. Este xurado recibiu as obras para a súa cualificación sen que estas mostrasen referencias da autoría, co obxecto de garantir en todo momento a imparcialidade no proceso.

A convocatoria CreaClásica 2020 aposta pola difusión e recoñecemento de novos talentos galegos na composición e busca, ademais, incrementar o repertorio sinfónico galego contemporáneo. Xogos, a obra gañadora, será gravada e divulgada pola Orquesta Clásica de Vigo; e Alejandro Galansky, o seu autor, recibirá un incentivo económico adicional de 500 euros.

CreaClásica, actividade da Orquesta Clásica de Vigo co apoio da Fundación SGAE, quere ofrecer unha plataforma para todos aqueles compositores galegos que saen dos nosos conservatorios e que, a día de hoxe, non contan cun espazo destinado a divulgar e difundir as súas creacións. No actual contexto de pandemia, a segunda edición presentouse cun formato deseñado para a contorna dixital.

Alejandro Galansky López | Gañador Crea Clásica 2020

Graduado en Composición (2015) e Saxofón (2019) no Conservatorio Superior de Música de Vigo e Máster Universitario en Profesorado pola UVigo (2020). Ten impartido clases de diversas materias no Conservatorio das Artes Mayeusis de Vigo, no Conservatorio e Escola de Música Municipal de Cangas, no CMUS de Santiago de Compostela, no Conservatorio Municipal Enrique Paisal de Ribeira e, actualmente, no CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra. Como músico versátil colabora con numerosas agrupacións, entre as que podemos salientar: Banda de Música Popular “Airiños do Morrazo” de Moaña, Banda de Música “Bellas Artes” de Cangas, Banda de Música Cultural de Arcade, Banda de Música Artística de Arcade, Banda de Música de Bueu, Banda de Música de San Miguel de Oia, Banda de Música de Chapela, Banda de Música Minho-Galaica, Orquestra do Conservatorio de Música de Coppelia, Ensemble de Saxofóns Sax-Inflexion. Tamén ten actuado co pianista arxentino Juan Carlos Cambas, co Grupo 7setenta e co Coro de Sanbertolameu de Moaña. Compositor e arranxador para distintas bandas, como a Banda “Airiños do Morrazo” de Moaña, a Banda “Bellas Artes” de Cangas, a Banda Municipal de Pontevedra e a Banda Xuvenil de Salcedo.