Fundación SGAE convoca un encontro ‘online’ con relevantes compositores de bandas sonoras
‘Pezas do audiovisual: música e cine’ contará coa participación de Nico Casal, Manu Conde, Nani García, Arturo Kress, Iván Martínez Lacámara, Sergio Moure de Oteyza e Manu Riveiro

Desenvolverase a través da plataforma Webex, con acceso gratuíto, os días 15, 16 e 17 de decembro

A Fundación SGAE convoca o encontro online Pezas do audiovisual: música e cine, tres xornadas que tratarán de contextualizar e narrar a profesión do compositor de bandas sonoras. A actividade, impulsada polo Consello Territorial da SGAE en Galicia, desenvolverase os días 15, 16 e 17 de decembro a través da plataforma Webex, con asistencia gratuíta previa inscrición.

Máis información e inscricións

O encontro abrirase o martes 15 de decembro, ás 16:30 horas, cun faladoiro no que se porá marco ás especificidades do oficio de compositor audiovisual, dende unha perspectiva global, atendendo ás relacións transversais cos demais elementos da cadea de creación e aos dereitos de autor xerados. Participarán Nani García, Iván Martínez Lacámara e Manu Riveiro, e conducirá a charla Sergio Moure de Oteyza.

O mércores 16, os especialistas Manu Conde e Nani García compartirán a súa experiencia en dous relatorios consecutivos. E o xoves 17, para pechar, serán Nico Casal e Arturo Kress quen profundicen no seu traballo no sector. As inscricións para Pezas do audiovisual: música e cine realizaranse mediante solicitude ao email pblanco@fundacionsgae.org. Segundo rigorosa orde de inscrpción, a admisión pecharase ao completar a capacidade.

Participantes

Nico Casal. Compositor e pianista. Escribiu a música de Stutterer (Premio Oscar 2016 á Mellor Curtametraxe). La enfermedad del domingo (Ramón Salazar, 2018) proporcionoulle unha candidatura como mellor banda sonora nos Premios Feroz. Compuxo música para campañas publicitarias de LaLiga, Estrella Galicia, Adidas ou British Airways, entre outras. Está moi activo como músico e artista (tocou en eventos como o BIME ou o Festival de Jazz de San Sebastián) e ten novos proxectos para o audiovisual pendentes de estrea.

Manu Conde. Compositor e guitarrista. Compaxina o seu labor na formación do grupo Milladoiro con importantes traballos para o audiovisual: series como Serramoura ou Dalia, a modista; miniseries como O sabor das margaridas ou Contou Rosalía; programas televisivos como Bamboleo ou Verbenalia; ou documentais como O segredo da ría.

Nani García. Compositor, pianista e produtor musical. Iniciou a súa carreira como músico de jazz na segunda metade dos anos 70. Especializouse despois como autor para o audiovisual, nun senso moi amplo: anuncios e series de televisión, curtametraxes e longametraxes. O seu selo está, por exemplo, en bandas sonoras do cine de animación como De profundis (2007), Enrugas (2011) ou O xigante (2012).

Arturo Kress. Compositor, produtor e multiinstrumentista. Especializado en composición e gravación de bandas sonoras para cine e televisión, deseño de son, rexistro, posprodución, efectos de sala e dobraxe. O seu traballo, que acadou diversos premios, brilla en filmes de animación como O bosque animado (2001) ou O soño dunha noite de San Xoan (2005).

Iván Martínez Lacámara. Compositor e músico. Escribiu a música de multitude de series de televisión, anuncios, curtametraxes… Algunhas das súas composicións destacadas para ficción televisiva son La casa de papel, Vis a vis, El barco, Un paso adelante ou El embarcadero.

Sergio Moure de Oteyza. Compositor con máis de 20 anos de experiencia en cine e televisión. Realizou e produciu a banda sonora de máis de 20 longametraxes. Entre eles, Inconscientes (Joaquín Oristrell, con nominación á Mellor Banda Sonora Orixinal nos premios Goya), Todo es silencio (José Luis Cuerda), Lobos sucios (Simón Casal) ou Tesis sobre un homicidio (Hernán Goldfrid). En TV, a súa música ten soado nun gran número de producións.

Manu Riveiro. Compositor e músico. Comezou escribindo música para teatro e pasou logo ao audiovisual, con impacto no ámbito nacional e internacional. Entre os seus traballos máis coñecidos están as bandas sonoras de O descoñecido (2015) e A sombra da lei (2018), polas que foi galardoado nos Premios Mestre Mateo.