‘PULSO Dixital’: Todo o que precisamos saber sobre a nosa obra musical na internet
Alma Martínez (Altafonte) e Laura Virgil (Sony Music) ofrecerán a súa experiencia para unha mellor xestión e aproveitamento da creación musical na contorna dixital

O encontro celebrarase a través da plataforma Webex, con acceso gratuíto, o día 30 de novembro

A Fundación SGAE convoca dende Galicia o ciclo PULSO Dixital, unha serie de charlas prácticas que abordarán o posicionamento na internet das obras musicais, audiovisuais ou dramáticas, así como a xestión dos dereitos de autor derivados. O obxectivo é achegar recursos ao autor ou autora para un mellor aproveitamento do seu traballo na contorna dixital, actualmente tan necesaria para a difusión da obra artística nun contexto social restrinxido pola pandemia.

Dentro do programa de PULSO Dixital, unha das xornadas dedicarase en exclusiva á música e o seu posicionamento na internet. Neste sector, a distribución da obra no ámbito dixital é crucial. Nesta charla falarase de plataformas dixitais, agregadoras, o negocio da música en streaming e outras cuestións necesarias para defender un proxecto musical hoxe.

O encontro Música: posicionamento e xestión da obra na rede celebrarase o 30 de novembro a partir das 16:30 horas. Quen darán resposta aos temas antes formulados son: Alma Martínez, Coordinadora Editorial en BOA Music e en Altafonte, empresa líder na distribución física e dixital de música en España e Latinoamérica; e Laura Virgil, Digital Sales Partner Delelopment Manager de Sony Music, cuxo departamento lidera a relación desta compañía con socios dixitais como Spotify, Apple, Amazon ou YouTube.

A sesión desenvolverase a través da plataforma Webex, con acceso gratuíto. As inscricións para esta xornada realizaranse mediante solicitude ao email pblanco@fundacionsgae.org, especificando claramente no asunto o encontro ao que se desexa asistir. Segundo rigorosa orde de inscrición, a admisión pecharase ao completar a capacidade.

Máis información