Dulce Pontes, nova socia da SGAE

Pé de foto: Antonio Onetti, presidente da SGAE, e Dulce Pontes, hoxe, na sede da entidade en Madrid.

A autora e artista portuguesa, referente internacional, confía a esta entidade a xestión dos dereitos do seu repertorio en todo o mundo

“Estou convencida de ficar na entidade na que teño que estar”, afirma Pontes

A Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) anuncia o ingreso nesta entidade da autora e artista portuguesa Dulce Pontes, referente internacional do fado renovado e da fusión musical. A SGAE administrará os dereitos xerados en todo o mundo polo repertorio de Pontes, cuxos espectáculos e xiras internacionais levárona a cantar en escenarios tan importantes coma o Carnegie Hall (Nova York) ou o Royal Albert Hall (Londres).

A sinatura celebrose hoxe, 20 de novembro, na sede da SGAE en Madrid con presenza de Dulce Pontes e Antonio Onetti, presidente da entidade.

Durante o acto, Pontes amosouse satisfeita e ilusionada polo seu ingreso na SGAE: “Pola súa cercanía no trato persoal e profesional, pola súa ampla experiencia, pola súa proxección internacional en Iberoamérica e porque España é un dos meus escenarios de referencia, estou leda de pertencer a esta entidade de xestión”. “España é un país que sempre me tratou moi ben. Agora a miña oficina de representación, Doctor Zhivago, é española e estou certa de ficar na entidade na que teño que estar”, engadiu a artista, que mañá, sábado 21, ofrecerá unha actuación no Trui Teatre de Palma de Mallorca.

Pola súa parte, o presidente da SGAE expresou a súa satisfacción porque “unha artista internacional da música e da cultura iberoamericana forme parte do catálogo autoral da entidade”. “En SGAE sentimos un compromiso absoluto cos nosos socios e a confianza dunha autora como Dulce Pontes é un recoñecemento ao labor que fan os nosos profesionais”.

O presidente da SGAE volveu poñer de manifesto a súa preocupación pola situación actual da cultura: “Na contorna europea ou nacional, a actividade dos autores, músicos, cineastas, dramaturgos e demais profesionais do sector é nula. Precisamos do talento de Dulce Pontes e doutros moitos compañeiros de profesión porque a cultura é vertebradora para a sociedade e un piar fundamental da economía”.

Ao longo da súa andaina, Dulce Pontes ten colaborado con importantes artistas e autores. O seu ingreso na SGAE suporalle compartir entidade de xestión con moitos deles: por exemplo, Caetano Veloso, Carlos Núñez, Kepa Junkera, Uxía ou Estrella Morente, con quen realizou unha exitosa xira conxunta.

Ampliar biografía da artista