Teo Cardalda, nomeado presidente do Consello Territorial da SGAE en Galicia

Referente do pop galego, foi fundador de Golpes Bajos e de Cómplices 

Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) anuncia a constitución do seu novo Consello Territorial en Galicia. Tralas eleccións do pasado 22 de outubro, os membros designados nas urnas celebraron a súa primeira reunión, na que nomearon Presidente ao autor e músico Teo Cardalda. A partir deste intre, exercerá a representación directa dos socios galegos ante a Xunta Directiva da SGAE e será a súa voz institucional nesta Comunidade.

“Ocupo este cargo con orgullo e compromiso”, di Cardalda sobre esta nova responsabilidade. “Sinto que é un bo momento para poñer a miña experiencia ao servizo dos autores da miña Comunidade. Galicia é un berce de talento creativo cun impacto importante na música, o audiovisual e as artes escénicas. É un privilexio representar os meus compañeiros e farei todo o posible por garantir os seus dereitos e visibilizar a súa obra”.

O vigués Teo Cardalda, fundador de grupos tan populares como Golpes Bajos ou Cómplices, sucede como presidente do Consello Territorial da SGAE en Galicia a outros dous músicos: Juan Rivas e Rodrigo Romaní. Cardalda atesoura experiencia nos órganos de goberno da SGAE, pois formou parte da súa Xunta Directiva e foi vicepresidente de Pequeno Dereito da entidade.

O novo Consello Territorial da SGAE en Galicia, constituído en novembro de 2020, está composto por: Teo Cardalda, Miguel Costas, Alberto Gallardo e Raquel Rodríguez Fernández (representantes do Colexio de Pequeno Dereito); e Víctor Sierra e Sergio Moure (representantes do Colexio de Audiovisual).

Sobre os Consellos Territoriais da SGAE

Aprobados no ano 2012, estes órganos colexiados teñen como obxectivo reforzar a representatividade dos autores residentes naquelas Comunidades Autónomas cunha masa social significativa: Andalucía, Canarias, Cataluña, Galicia, Madrid, País Vasco e Valencia. O censo da SGAE en Galicia, ao peche do pasado exercicio, superaba os 4.200 autores e editores.

Os membros dos Consellos Territoriais da SGAE, votados democraticamente polos seus compañeiros, representan os autores e editores dos seus respectivos territorios ante a Xunta Directiva e tamén participan no deseño da promoción cultural, a formación ou a asistencia social da Fundación SGAE.

Sobre Teo Cardalda

Teodomiro Cardalda (Vigo, 1962) é compositor musical, multiinstrumentista e produtor. A súa andaina artística despegou en 1983 co primeiro disco de Golpes Bajos, autotitulado, que incluía cancións tan imprescindibles como “Malos tiempos para la lírica” e “No mires a los ojos de la gente”. Na segunda metade dos anos 80 fundou Cómplices e así, a dúo con María Monsonís, entregou ata hoxe éxitos como “Es por ti” ou “Los tejados”. Tamén puxo música a series de televisión (“Nada es para siempre”) ou películas; publicou álbumes en solitario e colaborou en traballos importantes de Ketama, Nacha Pop, Ray Heredia ou Presuntos Implicados, entre outros.

Compositor implicado co dereito de autor, na SGAE foi membro da Xunta Directiva, vicepresidente polo Colexio de Pequeno Dereito e, actualmente, presidente do Consello Territorial en Galicia.