Convocatoria de ‘Conecta’, encontro entre guionistas e directores do audiovisual galego
Esta iniciativa da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA) conta co apoio da Fundación SGAE

Realizarase o sábado 31 de outubro na Sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela

O prazo de inscrición remata o 27 de outubro

A Sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela acolle o oitavo encontro Conecta, unha ferramenta para poñer en contacto a directores e guionistas que estean a desenvolver proxectos audiovisuais en Galicia. Trátase dunha actividade organizada pola Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA) co apoio da Fundación SGAE e a colaboración da Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG). O encontro está deseñado para aqueles guionistas que buscan director, ou viceversa, ou simplemente aqueles profesionais do audiovisual galego que teñan un proxecto e queiran recibir outra opinión. Todos eles poderán manter unha serie de reunións persoais de 25 minutos de duración, coordinadas pola organización e desenvolvidas ao longo da xornada do sábado 31 de outubro.

A finalidade de Conecta é xerar un espazo de contacto entre membros do sector audiovisual: facilitar pontes e fortalecer os proxectos a partir da colaboración. Os participantes (divididos en dúas categorías: con e sen proxecto) son profesionais en activo e ben recoñecidos, pero tamén estudantes que están a xerar as súas primeiras obras no sector. En cada unha das anteriores edicións de Conecta reuníronse uns setenta creadores que mantiveron multitude de encontros persoais de traballo.

A actividade adapta este ano o seu formato ás medidas sanitarias derivadas da pandemia de Covid-19. Para garantir a seguridade de tódalas persoas participantes, seguiranse os protocolos e a normativa vixentes: o uso da máscara e o respecto da distancia de seguridade estarán acompañados pola desinfección de mesas e cadeiras; tamén haberá xel hidroalcohólico a disposición dos asistentes.

Os encuentros desenvolveranse entre as 10:30 e as 18:30 horas do sábado 31 de outubro na Fundación SGAE (Santiago de Compostela).

O prazo de matrícula péchase o 27 de outubro.

Máis información e inscricións