‘Último verán en Santa Cristina’, de Eduardo Alonso, gañador das lecturas dramatizadas en galego da Fundación SGAE

Eduardo Alonso, autor da obra gañadora, recibiu o Premio de Honor 'Marisa Soto' nos María Casares 2017

Co impulso do Consello Territorial da SGAE en Galicia, esta convocatoria ten o obxectivo de estimular a creación teatral en galego

A Fundación SGAE, a través do Consello Territorial da SGAE en Galicia, convoca anualmente a actividade TEXTOS TEATRAIS EN GALEGO para impulsar e apoiar a creación de obras dramáticas de autores socios da SGAE nesta Comunidade. Nesta ocasión, Último verán en Santa Cristina, de Eduardo Alonso, é a obra gañadora e seleccionada para a súa próxima representación. O xurado, composto polos membros do Consello Territorial de SGAE, salientou o alto nivel dos textos presentados nesta edición, sobre o que se impuxo a obra de Alonso “pola orixinalidade da súa exposición e o seu notable sentido da dramaturxia”. Un elenco de actores levará a cabo a súa lectura dramatizada na primeira quincena de decembro.

Na trama de Último verán en Santa Cristina, un home recibe unhas cartas que supostamente pertencían á súa defunta nai. A través da súa lectura, rememora o verán de 1960 na praia. Pero así redescobre e interpreta tamén a relación triangular e tráxica entre a súa nai, o seu pai militar e un amigo partisano en tempos da ditadura franquista.

Sobre Eduardo Alonso

Autor, adaptador e director teatral, comezou a súa actividade escénica en 1965. En 1984 foi premiado pola I Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia polo seu labor especial a prol do teatro galego, por ter posto en marcha o Centro Dramático Galego e ser o seu primeiro director. Dende aquela, ten recibido recoñecementos moi importantes na súa profesión; entre eles, dous premios Max ao Mellor Autor Teatral en Galego en 2009 e 2013. Tamén recibiu o Premio de Cultura da Xunta de Galicia na área de Artes Escénicas en 2010 e o Premio de Honor ‘Marisa Soto’ nos Premios María Casares 2017.

Referente do teatro galego, Alonso ten no seu currículo máis de cincuenta espectáculos como director, autor, adaptador ou iluminador. Actualmente segue en activo e traballando dende a súa compañía, Teatro do Noroeste.