Convocatoria para o ‘II Premio AGAG de Guión en Galego para Longametraxe’
Este certame quere potenciar a lingua galega no audiovisual e difundir o traballo dos nosos autores

O prazo de entrega de orixinais remata o vindeiro 25 de novembro

A Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) convoca o II Premio AGAG de Guión en Galego para Longametraxe, que conta co apoio do Consello Territorial da SGAE en Galicia a través da Fundación SGAE. Os obxectivos deste certame son potenciar a lingua galega no audiovisual e promover o traballo dos nosos autores. Os textos orixinais deben ser enviados, ata o 25 de novembro, a coordinacion@guionistas.gal.

Os guións presentados a esta convocatoria deberán estar escritos en lingua galega, para longametraxes de ficción, e terán que ser textos completos (non sinopses ou tratamentos sen rematar). A temática das obras é libre, pero valorarase que a acción transcorra en Galicia.

O xurado, conformado polos membros da Xunta Directiva de AGAG, valorará a calidade, interese e viabilidade dos guións, así como a súa perspectiva de xénero. Ese xurado escollerá tres finalistas, que se anunciarán o 14 de decembro de 2020 e recibirán unha subscrición gratuíta de seis meses no mercado online da plataforma Filmarket Hub. Entre estes finalistas, o guión gañador anunciarase o luns 21 de decembro e recibirá un primeiro premio de 2.500 euros.

Os traballos a concurso hanse asinar baixo pseudónimo e remitir ao email coordinacion@guionistas.gal co asunto “II PREMIO AGAG DE GUIÓN EN GALEGO PARA LONGAMETRAXES”. O prazo de admisión de guións está aberto ata o 25 de novembro de 2020.

Consulta aquí tódalas bases.

Máis información