A galega Paula Cons, finalista do Premio ‘Dunia Ayaso’ 2020 da Fundación SGAE
O gañador darase a coñecer o 25 de setembro no 68º Festival Internacional de Cine de San Sebastián

Icíar Bollaín, Pilar Palomero e David Pérez Sañudo son os outros aspirantes a este galardón, que recoñece o tratamento da muller nos guións cinematográficos

A Fundación SGAE anunciou os finalistas do Premio Dunia Ayaso, cuxo gañador ou gañadora coñecerase o vindeiro 25 de setembro, ás 17.00 horas, no Centro Kursaal, durante o 68º Festival Internacional de Cine de San Sebastián. O galardón, que distingue os traballos cinematográficos máis comprometidos coa figura feminina, está concibido como homenaxe á falecida guionista e directora canaria Dunia Ayaso.

Entre os autores finalistas está a galega Paula Cons, guionista e directora de La isla de las mentiras (2020). Trátase dun drama inspirado en feitos reais que recrea o afundimento do buque Santa Isabel, con destino a Bos Aires, fronte as costas da illa de Sálvora en Galicia. Sobre este acontecemento, Cons tece unha admirable rede de intrigas e misterios. La isla de las mentiras non puido abrir a súa andaina nos cines por mor da pandemia; estreouse este pasado xullo en Filmin e converteuse na película máis vista na plataforma durante a fin de semana do seu debut. O filme conta cun interesante elenco de actrices protagonistas (Nerea Barros, Victoria Teijeiro, Ana Oca) e, ademais, gran parte do equipo técnico da película son mulleres.

Antes deste traballo, Paula Cons chegara ao público como produtora executiva e guionista do filme Lobos sucios, que lle reportou catorce candidaturas nos Premios Mestre Mateo do Auviovisual en Galicia (entre elas, unha polo seu propio labor como guionista). Tamén foi creadora de programas de televisión como 13 badaladas, Na túa pel ou Xente con xente en TVG, e traballou en redacción para diversos espazos en Tele5, Cuatro, Antena 3 TV ou La 2. Coa produtora Agalla Films, da que é cofundadora, realizou o docudrama O Caso Diana Quer. 500 días (2018). Ademais, en 2018 foi seleccionada para o V Laboratorio de Creación de Series de TV da Fundación SGAE, no que desenvolveu o seu proxecto Oro negro co prestixioso guionista Javier Olivares.

Os títulos que compiten con La isla de las mentiras para facerse co Premio Dunia Ayaso 2020 son: La boda de Rosa, de Icíar Bollaín; Las niñas, de Pilar Palomero; e Ane, de David Pérez Sañudo. Todas estas obras consursan na sección oficial do festival donostiarra dentro das categorías Made In Spain ou New directors (Novos directores).

O Premio Dunia Ayaso, dotado con 5.000 euros, recoñece películas que, ademais dun alto valor cinematográfico, amosan personaxes femininas cun papel protagonista ou retratan a situación da muller na sociedade. Trátase de obras que transcenden os estereotipos e lugares comúns que con tanta frecuencia falsean a realidade das mulleres, as súas posibilidades e a súa memoria histórica.

Un xurado composto por diversos profesionais do sector do audiovisual seleccionará a película gañadora. José Luis Rebordinos, director do Festival de San Sebastián, e o guionista Joanes Urkixo farán entrega do premio o 25 de setembro. En edicións anteriores, o galardón recaeu nas directoras Carla Simón por Verano 1993 (2017); Arantxa Echevarria por Carmen y Lola (2018); e Belén Funes por La hija de un ladrón (2019).

Sobre a realizadora canaria Dunia Ayaso

A guionista e directora Dunia Ayaso (As Palmas, 1961 - Santa Cruz de Tenerife, 2014) é autora de éxitos cinematográficos como Perdona bonita pero Lucas me quería a mí, Descongélate ou La isla interior, entre outros. Desenvolveu o seu labor profesional xunta Félix Sabroso, o seu inseparable compañeiro. Para televisión escribiron en colaboración series de gran audiencia, como Mujeres ou Quítate tú para ponerme yo. O seu derradeiro proxecto común, a longametraxe El tiempo de los monstruos, foi dirixido anos máis tarde e en solitario por Félix Sabroso. Ayaso tamén desenvolveu a súa carreira no teatro con obras como Lifting, La gran depresión ou Las histéricas somos lo máximo.

Socia da SGAE, entre os premios que recibiu ao longo da súa andaina profesional cómpre salientar o Navaja de Buñuel en 2009, concedido por Televisión Española (TVE) á mellor película do ano por La isla interior, que protagonizaron Alberto San Juan e Geraldine Chaplin.