Aberta a convocatoria do IV concurso SGAE para obras de jazz 'Tete Montoliu'
O prazo de recepción de partituras permanecerá aberto ata o 2 de novembro de 2020 Concederanse catro premios, valorados nun total de 11.700 euros

A Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE), a través da Fundación SGAE e co apoio do grupo de traballo de jazz da SGAE, convoca o IV concurso para obras de jazz Tete Montoliu, co propósito de estimular e recoñecer a creación dos compositores deste xénero. O concurso, que se realiza baixo plica, premiará a mellor obra, non o seu autor. O prazo de recepción de partituras permanecerá aberto ata o 2 de novembro de 2020.

Poderán presentarse obras de calquera subxénero de jazz, sempre que sexan orixinais e inéditas e creadas por un ou varios compositores membros da SGAE. Deben estar, ademais, dirixidas para trío, cuarteto, quinteto ou sexteto e cunha combinación libre dos seguintes instrumentos: piano (un intérprete), contrabaixo acústico ou baixo eléctrico (un intérprete), batería (un intérprete), guitarra, saxo, trompeta, trombón e voz. A duración das composicións non poderá ser inferior a catro minutos nin superior a sete.

As obras finalistas interpretaranse nun concerto final, se as condicións sanitarias provocadas pola pandemia da Covid-19 o permiten. En caso de non resultar viable a celebración deste concerto, un xurado tomará a decisión final tras estudar a documentación achegada, incluíndo a partitura e a gravación da obra (interpretada en directo ou, no seu defecto, reproducida por medios electrónicos).

Catro premios principais

Un xurado, designado polo Grupo de Traballo de Jazz da SGAE e pola Fundación SGAE e composto por cinco membros notables aínda por anunciar (compositores, músicos e expertos en jazz), escollerá as obras finalistas e outorgará os catro premios principais. A resolución do xurado darase a coñecer antes do 26 de febreiro de 2021.

Os compositores galardoados con algún dos mencionados catro premios principais recibirán unha dotación económica repartida do xeito que segue: primeiro premio (6.000 euros), segundo premio (3.000 euros), terceiro premio (1.500 euros) e cuarto premio (1.200 euros).

Recepción de partituras, ata o 2 de novembro de 2020

As obras poderán ser presentadas ata o 2 de novembro de 2020 por correo certificado, por servizo de mensaxería ou por entrega persoal en calquera das sedes de Fundación SGAE e SGAE en España e no estranxeiro. Tamén se aceptará a súa presentación por vía telemática remitindo a documentación necesaria ao correo electrónico smoralg@fundacionsgae.org.

Sobre o Premio SGAE de Jazz ‘Tete Montoliu’

A Fundación SGAE creou en 1999 a Bienal SGAE de Jazz Tete Montoliu, unha serie de actividades e premios relacionados co xénero jazz e os seus autores que pretendían manter viva a figura do pianista catalán. A entidade recupera agora unha destas actividades, o seu concurso de composición de obras de jazz, honrando, baixo o mesmo nome, a memoria dunha das figuras sobranceiras do jazz en España. Entre as obras gañadoras deste concurso en edicións anteriores atópanse: The return of the Chromo Sapiens, do saxofonista brasileiro Felipe Weisz Salles (2001), Paradiso, do batería catalán Xavi Maureta (2003), e Iboga, do pianista arxentino Federico Lechner (2005).

Máis información

Toda a documentación precisa para poder participar no IV Concurso SGAE para obras de jazz 'Tete Montoliu' está dispoñible nas bases, a consulta na páxina web da Fundación SGAE.

Máis información e bases