Aberta a convocatoria de 'Titorías para Mulleres Guionistas'
AGAG organiza esta actividade co apoio da Fundación SGAE

O prazo de convocatoria está aberto ata o 15 de setembro

As ‘Titorías AGAG para Mulleres Guionistas’ son unha iniciativa da Asociación Sindical Galega de Guionistas, en colaboración coa Fundación SGAE, que nace cos obxectivos de: promover a presenza de mulleres guionistas no audiovisual galego, apostar polo novo talento feminino no eido do guión, asesorar e dar a coñecer os proxectos das creadoras galegas, de calquera idade, con e sen experiencia profesional. O Consello Territorial da SGAE en Galicia, concienciado da necesidade de acadar a igualdade de oportunidades no ámbito da creación audiovisual, apoia esta actividade.

Poderán participar todas as mulleres maiores de idade, de nacionalidade española ou residencia en España, cun proxecto orixinal en galego, de temática libre, para longametraxe, serie, ou programa de televisión. O prazo de presentación está aberto do 1 ao 15 de setembro de 2020, ambos incluídos, e a documentación requirida poderá consultarse na web da Asociación Sindical Galega de Guionistas, xunto co texto completo das bases da convocatoria.

AGAG seleccionará un total de 6 autoras: 2 na categoría de longametraxe, 2 na categoría de serie e 2 na categoría de programa de televisión. Un mínimo do 50% dos proxectos serán de autoras noveis. O anuncio das autoras farase público o 25 de setembro de 2020.

As titorías desenvolveranse de maneira online e terán unha duración de 6 meses, de outubro de 2020 a marzo de 2021. Consistirán nunha reunión mensual (ata un total de 6) para acompañar o proceso de escritura dos proxectos seleccionados e aconsellar ás súas autoras desde un punto de vista profesional. As titorías correrán a cargo de profesionais de recoñecida traxectoria en cada ámbito do sector (cine e televisión); os seus nomes serán anunciados nas vindeiras semanas.

Máis información