A Fundación SGAE presenta o guionista galego Martín Suárez en 'Conecta FICTION'
Os seis participantes do VII Laboratorio de Creación de Series de Televisión da Fundación SGAE presentarán nun espazo propio os seus guións na procura de financiamento

O encontro da industria televisiva ofrece aos creadores a posibilidade de buscar socios para viabilizar os seus proxectos

A cuarta edición de 'Conecta FICTION' celébrase do 1 ao 3 de setembro no Baluarte de Navarra de xeito presencial e ata o día 11 de xeito virtual

Todo listo para unha nova edición de Conecta FICTION. O primeiro encontro internacional dedicado exclusivamente á coprodución de ficción para televisión sae adiante, malia as dificultades ocasionadas pola pandemia, incidindo na necesidade que teñen os creadores de poñer en común as súas obras con outros profesionais do sector.

Ese espírito verase reflectido outro ano máis a través da participación de Fundación SGAE nas súas sesións de pitching: os días 2 e 3 de setembro, os guionistas seleccionados no noso VII Laboratorio de Creación de Series de Televisión poderán expoñer os seus proxectos e buscarlles unha saída. Entre os seleccionados pola organización de Conecta FICTION 2020 está Gente guapa, do guionista galego Martín Suárez. O resto de propostas son: Demokracia, de Pedro García Ríos e Rodrigo Martín Antoranz; Herencia, de Fernando Cámara; La sirena, de Joana M. Ortueta; Qué bien se te ve para lo jodido que estás, de Juanpe Gálvez; e Umbra Dei, de Matías García.

Estes autores presentarán ante profesionais de todo o mundo os seus traballos co propósito de acadar acordos de coprodución internacional. Terán a oportunidade de acceder a produtoras, canles de televisión e potenciais socios inversores que faciliten a viabilidade dos seus proxectos. Despois da sesión de pitching está previsto que os responsables de cada proxecto manteñan reunións individuais con todos aqueles profesionais interesados na coprodución e/ou financiamento dos mesmos.

Os Laboratorios de Creación da Fundación SGAE

Tódolos proxectos orixináronse no VII Laboratorio de Creación de Series de Televisión Fundación SGAE. Os Laboratorios de Creación da Fundación SGAE desenvólvense dende o ano 2013 co obxectivo de promover a creación e impulsar as experiencias colaborativas e o intercambio de ideas entre os creadores contemporáneos e ofrecen aos seleccionados a posibilidade de desenvolver os seus textos ao longo de seis meses. Durante o proceso, realízanse reunións de traballo colectivo entre os autores e un director de recoñecido prestixio profesional para a posta en común das súas obras.

Polo momento, tres proxectos conseguiron o Premio de RTVE que lles ofrecía un contrato de desenvolvemento: Madres en apuros, de Maribel Vitar e Cristina Pons; Malaka, creada por Daniel Corpas e producida por Javier Olivares e estreada en TVE a pasada temporada; e ¿Por qué desaparecieron los hombres?, de Carla Guimarãez e Pepe Macías.

Gente guapa , de Martín Suárez

Drama urbano ambientado nunha discoteca dese Madrid que fervía nos anos oitenta. Este lugar de referencia na capital serve como fío condutor para adentrarnos nun retrato da sociedade do momento, así como na historia de Carmen, a protagonista, que chegou a converterse na gran dama da noite madrileña.

Martín Suárez (Santiago de Compostela, 1985) traballou en series de televisión como Centro Médico (TVE), Rabia (Mediaset), Agua Seca (TVG) ou Dreamland (Mediaset). Tamén desempeñou o labor de analista de ficción para Mediaset e desenvolvemento e docuficción en varias produtoras.

Acerca dos proxectos de Fundación SGAE