Vigo espera o festival Underfest, con apoio da Fundación SGAE

A terceira edición do Underfest Son Estrella Galicia realizarase en Vigo os días 25 e 26 de setembro. Nesta ocasión, o evento desenvolverase nun formato reducido e co apoio do Consello Territorial da SGAE en Galicia a través da Fundación SGAE.

Underfest caracterízase pola programación dunha serie de concertos en diferentes espazos do centro de Vigo. A falta de detallar a proposta artística e o calendario de eventos, a promotora Sweet Nocturna anticipou a celebración dun concerto de homenaxe ao compositor Ennio Morricone a cargo da Orquesta Clásica de Vigo. Nesta convocatoria, restrinxida polas condicións sanitarias derivadas da pandemia, interpretaranse as obras máis significativas do autor romano, falecido este mesmo verán. Entre elas, as músicas das películas Cinema Paradiso; O bo, o feo e o malo; ou A Misión.

Nos vindeiros días daranse máis detalles da programación do Underfest e poranse á venda os abonos para o festival.

Máis información