O galego Martín Suárez, seleccionado para o 'pitching' da Fundación SGAE en Conecta FICTION 2020

Os seleccionados do VII Laboratorio de Creación de Series de Televisión de Fundación SGAE, na primeira sesión de traballo. Copyright: Luis Camacho / Fundación SGAE

Os autores elixidos exporán os seus proxectos ante produtores internacionais

Conecta FICTION é o encontro internacional dedicado exclusivamente á coprodución de ficción para televisión. A organización do certame e a Fundación SGAE deron a coñecer os seis proxectos seleccionados para participar na cuarta edición do Pitching de Proxectos dos Laboratorios Fundación SGAE. O anuncio fíxose público durante o acto de inauguración de Conecta FICTION Reboot, a edición virtual de Conecta FICTION, que se celebra durante toda esta semana.

Entre os proxectos seleccionados pola organización de Conecta FICTION 2020 está Gente guapa, do compostelán Martín Suárez. Tamén Demokracia, de Pedro García Ríos e Rodrigo Martín Antoraz; Herencia, de Fernando Cámara; La sirena, de Joana M. Ortueta; Qué bien se te ve para lo jodido que estás, de Juanpe Gálvez; e Umbra Dei, de Matías García.

Os autores presentarán os seus traballos ante profesionais de todo o mundo co propósito de acadar acordos de coprodución internacional. Farano os días 2 e 3 de setembro de 2020, na edición presencial de Conecta FICTION prevista en Pamplona. Esta presentación brindará aos autores a oportunidade de acceder a produtoras, canles de televisión e potenciais socios inversores que poidan facilitar a viabilidade dos seus proxectos. Despois da sesión de pitching, está previsto que os responsables de cada proxecto manteñan reunións individuais con todos aqueles profesionais interesados na súa coprodución e/ou financiamento.

Tódolos proxectos escollidos para o pitching orixináronse no VII Laboratorio de Creación de Series de Televisión Fundación SGAE. Polo de agora, tres proxectos nados nos laboratorios desta entidade lograron o Premio de RTVE, que ofrece un contrato de desenvolvemento: Madres en apuros, de Maribel Vitar e Cristina Pons; Malaka, creada por Daniel Corpas, producida por Javier Olivares e estreada en TVE a pasada temporada; e ¿Por qué desaparecieron los hombres?, de Carla Guimarãez e Pepe Macías.

Martín Suárez (Santiago de Compostela, 1985)

Formouse en Comunicación Audiovisual, Guión e Dirección na Universidade de Santiago de Compostela, e como guionista a través dun Máster en Guión, Cine e Televisión (UC3M) e un curso de Guión Cinematográfico no New Media Technology College de Dublín. Dende aquela non deixou de traballar en series de televisión como Centro Médico (TVE); Rabia (Mediaset); Auga Seca (TVG) ou Dreamland (Mediaset). Tamén desempeñou o labor de analista de ficción para Mediaset e desenvolvemento e docuficción en varias produtoras.

Gente guapa é un drama de historia recente ambientado en Brillo, unha discoteca no Madrid dos efervescentes anos 80. O lugar no que hai que estar se es alguén; o negocio que remata convertido en símbolo. O tortuoso camiño que vai dende a súa apertura ata a súa consolidación como lugar de referencia serve de fío condutor para adentrarnos no retrato da sociedade do momento. A serie narra a historia de Carmen, unha moza que chegou a Madrid na procura do descoñecido, que inventou unha profesión grazas ao seu carisma, e rematou convertida na gran dama da noite madrileña.

Máis información
Biografías dos seleccionados