A exposición ‘Xirarei’ repasa 40 anos de deseños nos discos galegos
A mostra conta coa colaboración da Fundación SGAE a través do Consello Territorial da SGAE en Galicia

Pódese visitar no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela) ata o 26 de xullo

Ideada polo comisario Fausto Isorna, a mostra Xirarei ofrece un percorrido polas cubertas dos discos galegos entre 1955 e 1995. Con case 600 elementos expostos, propón unha viaxe por 40 anos de música galega dende os deseños gráficos de figuras como Víctor Aparicio, Xoán Piñón ou Pepe Barro, entre outros notables, moitos deles tamén músicos e autores. A Fundación SGAE, a través do Consello Territorial da SGAE en Galicia, apoia esta exposición, que conta con fondos da Biblioteca de Galicia, Consello da Cultura Galega e Casa Museo Manuel María, pero tamén importantísimas cesións de coleccionistas privados.

Xirarei: deseño de cubertas no disco galego 1955/1995 pode ser visitada de martes a domingo, das 10:00 ás 14:00 e das 16:00 ás 20:00 horas, no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela) ata o 26 de xullo. O acceso é de balde e non se require cita previa, pero os accesos están controlados a fin de garantir o cumprimento das medidas de seguridade.

Xirarei: deseño de cubertas no disco galego 1955/1995 centra a súa ollada nos elepés e singles. Segundo o comisario Fausto Isorna, “o disco de vinilo foi o estándar da difusión fonográfica ata a chegada do CD a mediados da década de 1980; as súas portadas serviron non soamente para vender os discos, senón tamén para difundir mensaxe, moda ou ideoloxía”. A mostra mira esas carpetas como “un elemento máis da arte popular e un medio de expresión privilexiado para deseñadores, ilustradores ou fotógrafos”.

Xirarei non pretende ser unha historia da música galega, aínda que, en certo modo, fai esa función. Os deseños gráficos exhibidos cumpriron no seu día o obxectivo de envolver e comercializar discos, pero tamén ofrecen hoxe unha ollada antolóxica á creación musical en Galicia e, en último termo, á sociedade galega de segunda metade do século XX. “Independentemente da calidade do produto sonoro ao que lle dá cobertura e identidade, a carpeta do disco atesoura na súa simplicidade un medio excepcional onde poñer en xogo ilustración, fotografía, tipografía e «packaging» para a venda dun produto cultural e popular”, di Isorna.

A mostra iníciase cun disco de Joselín do ano 1955 e pasa polos referentes máis significativos da música galega (Andrés Dobarro, Ana Kiro, Fuxan Os Ventos, Siniestro Total, etcétera). Tamén se recolle a xenerosa oferta dos selos discográficos desta Comunidade, dende Ruada ata Xistral ou Abrente.