A SGAE celebrará as súas eleccións o 22 de outubro
A institución recupera a normalidade trala aprobación dos estatutos por parte do Ministerio de Cultura e o cumprimento de tódolos requisitos esixidos pola CISAC

Convócanse eleccións á Xunta Directiva, aos Consellos Territoriais e á nova Comisión de Supervisión, o que supón a completa renovación dos órganos de goberno e representación da entidade

A Xunta Directiva da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) resolveu convocar eleccións o vindeiro 22 de outubro de 2020. Esta decisión responde ao desexo de restablecer a normalidade na institución, trala recente aprobación dos estatutos por parte do Ministerio de Cultura. Comeza así unha nova etapa para o colectivo autoral.

Por primeira vez na historia da SGAE, ampliarase o censo electoral a tódolos seus membros. Esta medida democratiza a Sociedade, xa que tódolos seus socios terán dereito a voto para elixir os 39 integrantes da súa nova Xunta Directiva.

Transparencia

Así mesmo, os socios terán que elixir os integrantes da nova Comisión de Supervisión, creada en cumprimento dos obxectivos de transparencia e rexeneración marcados pola adecuación definitiva da entidade ao novo marco legal español e europeo e destinado ao control dos órganos de goberno. Estará composta por cinco autores, socios da SGAE, e cinco membros externos á Sociedade con experiencia recoñecida no exercicio das súas funcións no ámbito da propiedade intelectual.

Territorialidade

O vindeiro 22 de outubro os socios tamén escollerán os integrantes dos Consellos Territoriais de Andalucía, Canarias, Cataluña, Comunidade Valenciana, Galicia, Madrid e País Vasco. Postos en marcha no ano 2012, teñen como obxectivo reforzar a representatividade dos autores residentes en cada Comunidade Autónoma en ámbitos como a promoción, a formación e a asistencia social. Como novidade, constituirase por vez primeira o Consello Territorial de Canarias.

Estas medidas aprobadas pola Xunta Directiva da SGAE responden á necesidade de adaptar o funcionamento da entidade ás normas e estándares internacionais da xestión colectiva. Neste último ano, a Sociedade española traballou internamente para mellorar as súas prácticas en consonancia cos requisitos esixidos pola Confederación Internacional de Sociedades de Autores e Compositores (CISAC). O obxectivo da SGAE é volver ser membro de pleno dereito de CISAC.

O punto de partida da SGAE nesta nova etapa é acentuar a colaboración coas institucións culturais das que depende: Ministerio de Cultura, órgano tutelar da entidade de xestión; e CISAC. Unha folla de ruta marcada pola cooperación, o diálogo e o cumprimento escrupuloso de tódolos seus requisitos para normalizar a vida da entidade.