Premio SGAE de Guión para Longametraxe ‘Julio Alejandro’
Os participantes poderán enviar os seus traballos ata o 3 de xullo de 2020

A Fundación SGAE convoca a XVII edición do Premio SGAE de Guión para Longametraxe Julio Alejandro. O certame está aberto a todos/as os/as autores/as socios/as da SGAE de calquera nacionalidade. O prazo de presentación dos textos orixinais, que poden estar escritos en calquera dos idiomas oficiais do Estado español, rematará o vindeiro 3 de xullo. As bases están dispoñibles na páxina web da Fundación SGAE.

Un xurado designado pola entidade, integrado por autores e profesionais do medio cinematográfico, seleccionará tres finalistas que optarán a un único e indivisible premio dotado con 25.000 euros. Os dous finalistas recibirán 3.500 euros pola súa designación como tales. O gañador darase a coñecer nun acto público que se celebrará no último trimestre do ano.

Sobre o Premio SGAE de Guión para Longametraxe ‘Julio Alejandro’

O Premio SGAE de Guión para Longametraxe Julio Alejandro é, ademais dunha plataforma de promoción para os valores novos do cine, un tributo á memoria do guionista e dramaturgo Julio Alejandro (1906-1995), estreito colaborador de Luis Buñuel. De feito, traballou xunta o xenio nalgúns dos seus títulos máis senlleiros, como Viridiana, Nazarín, Simón del desierto ou Tristana. A Fundación SGAE creou este galardón para potenciar a calidade da creación dos autores do sector audiovisual e propiciar a posta en marcha de proxectos cinematográficos a partir da elaboración de guións.


Javier Félix Echániz e Asier Guerricaechebarría, gañadores do Premio SGAE de Guión 'Julio Alejandro' 2019 por Sorbeltz , no FICX de Xixón. © Fundación SGAE / Juan Bezos

Guións levados á gran pantalla

Ao longo das 16 edicións precedentes, son moitos os guións gañadores que se estrearon no cine. Tal é o caso de Paisito (Tornasol Films), cinta dirixida por Ana Díez sobre o texto galardonado de Ricardo Fernández Blanco; Todos tenemos un plan (Haddock Films), de Ana Piterbarg, que levou ao cine o guión co que se proclamara vencedora na V edición; Miel de naranjas (Alta Films), texto da andaluza Remedios Crespo que gañou o VI Premio SGAE de Guión para Longametraxe Julio Alejandro en 2009 e que foi filmado por Imanol Uribe; Cuando los caballos aprendieron a llorar, pola que o mexicano Jano Mendoza se alzou co VIII Premio en 2011, que se estreou en 2015 baixo o título Los ausentes e foi dirixido por Nicolás Pereda; ou El acompañante, guión do cubano Pável Giroud, gañador en 2010, que el mesmo adaptou para a gran pantalla. Nas últimas edicións resultaron gañadores: Mala cosecha, de Pablo e Daniel Remón, en 2013; Santa y Delfín de Carlos Lechuga, que conquistou o premio en 2014 e foi estreado baixo o nome de Santa y Andrés en 2016; El salto, de Flora González, en 2015; Hielo y fuego, de Adán Aliaga e Alfonso Amador, en 2016; Empieza el baile, de Marina Szereszevsky, en 2017; AM.-PM., de Amílcar Salatti, en 2018; e Sorbeltz, de Javier Félix Echániz e Asier Guerricaechebarría , na máis recente edición.

Máis información e bases