Convocatoria do XXXI Premio 'Jóvenes Compositores' Fundación SGAE-CNDM
As persoas interesadas poderán presentar as súas obras por vía telemática ata o 10 de setembro de 2020

O certame concede 11.700 euros en galardóns para autores menores de 35 anos

Juventudes Musicales de España outorgará o “Premio Especial JM España”

A Fundación SGAE e o Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM) abren a convocatoria da XXXI edición do Premio 'Jóvenes Compositores' Fundación SGAE-CNDM. Consolidados xa entre os profesionais da música, estes galardóns teñen o obxectivo de estimular a creación no eido da música clásica contemporánea entre os compositores novos e contribuír ao desenvolvemento social mediante o coñecemento de novas linguaxes, tendencias e formas de expresión musicais.

Poderán concorrer tódolos compositores en calquera país do mundo con obras de calquera linguaxe ou tendencia estética dentro da música contemporánea, sempre que sexan menores de 35 anos ao peche da convocatoria e socios/as da SGAE. Aqueles autores cuxas obras foron distinguidas co primeiro premio nas edicións convocadas a partir de 2017 non poderán participar.

As obras deberán ser necesariamente inéditas, de autoría única, cunha duración entre sete e doce minutos, e axustarse a un modelo instrumental conformado por un mínimo de cinco intérpretes e un máximo de nove. Cada concursante só poderá presentar unha única obra.

O prazo de presentación de partituras permanecerá aberto ata o xoves 10 de setembro de 2020. As partituras deberán ser remitidas por email ao correo electrónico smoralg@fundacionsgae.org xuntaos datos de contacto do autor.

Un xurado composto por recoñecidos expertos en música seleccionará as catro obras finalistas, que optarán a catro galardóns valorados en total con 11.700 euros. Ademais, súmase o “Premio Especial JM España”, que outorgará Juventudes Musicales de España e ofrece ao gañador do primeiro premio a posibilidade de se converter en compositor residente da Rede de Músicas de JM España durante a temporada 2021-2022. JM España encargaralle tres obras de música de cámara e outorgará 1.000 euros por cada peza. Por último, a Fundación SGAE editará un disco promocional coa gravación en directo das interpretacións no concerto final.

Máis información