Antonio Onetti, novo presidente da SGAE
Dramaturgo e guionista de cine e series de televisión

Substitúe a Fermín Cabal, que ocupa o cargo de xeito interino dende o pasado 15 de abril, tal e como estipulan os estatutos

O dramaturgo e guionista de cine e televisión Antonio Onetti foi designado presidente da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE), segundo acordo da Xunta Directiva da entidade, reunida en sesión extraordinaria no día de hoxe (21 votos a favor, 8 abstencións e 6 votos en contra). Onetti substitúe no cargo a Fermín Cabal, que ocupou a presidencia de xeito interino dende o pasado 15 de abril seguindo os estatutos da entidade.

Antonio Onetti convértese no presidente número 44 da institución. Unha entidade que, ao longo dos seus 120 anos de historia, estivo presidida por compositores (como Ruperto Chapí, Amadeo Vives, Francisco Alonso, Jacinto Guerrero ou Moreno Torroba), dramaturgos (como Benito Pérez Galdós, Pedro Muñoz Seca, Carlos Arniches, Eduardo Marquina, Juan José Alonso Millán, Ana Diosdado ou Santiago Moncada) ou cineastas (como Manuel Gutiérrez Aragón ou José Luis Borau), entre outros.

Antonio Onetti adiantou que o seu principal obxectivo na presidencia é “restablecer a confianza no correcto funcionamento dos seus órganos de goberno, con absoluta profesionalidade, transparencia e eficacia na xestión; convocar o antes posible eleccións á Xunta Directiva e o novo órgano de supervisión; e superar as consecuencias económicas provocadas pola pandemia co máximo apoio aos autores e o menor custe posible para a entidade”. “Para isto”, engadiu, “é imprescindible acentuar a colaboración coas institucións culturais das que depende a SGAE: Ministerio de Cultura, órgano tutelar da nosa Sociedade, e CISAC. A cooperación, o diálogo e o cumprimento escrupuloso de tódolos seus requisitos deben marcar a nosa inmediata folla de ruta para normalizar a vida da entidade”.

Recoñecida traxectoria na representación dos autores

Antonio Onetti (Sevilla, 1962) é licenciado en Arte Dramática pola Real Escuela Superior de Arte Dramático de Madrid (RESAD). Nos seus inicios traballou como actor de cine e teatro. É dramaturgo, guionista de cine e televisión, director de escena e profesor de dramaturxia e escrita dramática.

Membro fundador da Academia de las Artes Escénicas de España e secretario xeral na súa primeira lexislatura, Antonio Onetti é socio da SGAE dende 1987 e conta con gran experiencia na representación dos autores na entidade, pois estivo vinculado á SGAE en diferentes etapas da súa traxectoria profesional. Membro da Xunta Directiva elixida tralas eleccións celebradas o 26 de outubro de 2018, na actualidade era vicepresidente da SGAE polo colexio de Obras Audiovisuais. En 2012 tamén pertenceu á Xunta Directiva da SGAE e elixido presidente da Fundación Autor na súa transformación á actual Fundación SGAE.

Como dramaturgo, estreou e publicou unha ducia de obras en España e algunhas delas, traducidas a inglés, francés, portugués, árabe ou romanés, noutros países de Europa, América e África. Como guionista de cine, é especialista en levar á pantalla casos reais e personaxes históricas; na televisión traballou en series televisivas de frecuencia diaria.

Algunhas das súas obras máis destacadas son: Madre Caballo, La Puñalá e La calle del infierno en teatro; Lobo, Lola e Operación E en cine; Padre Coraje e Los últimos días de Franco en miniseries; e El Súper, Calle Nueva ou Plaza Alta en telenovelas. Colaborou como guionista en Amar en tiempos revueltos, serie diaria de TVE da que tamén foi cocreador; e da súa posterior secuela en Antena 3, Amar es para siempre.

Un dos seus máis recentes traballos como guionista foi, xunta Sergio Barrejón e Rodolf Sirera, a serie La catedral del mar, baseada no libro homónimo de Ildefonso Falcones. Dirixida por Jordi Frades, a súa versión en miniserie, estreada en 2019, recibiu diferentes recoñecementos; entre eles, o Premio Gaudí á Mellor Película para Televisión na XII edición dos galardóns da Academia do Cine Catalán.