‘Yo me quedo en casa… creando’, concurso de curtametraxes convocado pola Fundación SGAE para nenos e adolescentes
Os interesados poden enviar as súas creacións, contando cómo viven a corentena en casa, ata o 8 de maio de 2020

As curtametraxes seleccionadas exhibiranse na Sala Berlanga de Madrid

Co obxectivo de amenizar aos nenos e nenas o confinamento indicado polo Real Decreto de Estado de Alarma, a Fundación SGAE convoca o concurso de curtas Yo me quedo en casa… creando, destinado a pequenos autores e autoras entre 6 e 17 anos de idade. O prazo de recepción de curtametraxes amplíase ata o 8 de maio de 2020 ou, no seu defecto, ata que remate o período de confinamento.

Este primeiro concurso de Fundación SGAE premiará pezas audiovisuais, de menos de tres minutos de duración, de calquera xénero ou temática, en calquera idioma oficial do Estado español, realizadas en familia durante os días de confinamento. Os obxectivos do programa son fomentar a creatividade, o traballo en familia e o coñecemento da linguaxe audiovisual.

A convocatoria está aberta á participación de nenos e nenas entre 6 e 12 anos (categoría infantil) e adolescentes entre 13 e 17 anos (categoría xuvenil). Un xurado premiará tres curtas de cada categoría. Cada unha destas obras recibirá un trofeo e unha tablet, e será exhibida na Sala Berlanga o día da entrega de galardóns. Nesa mesma xornada, tódolos gañadores participarán nun faladoiro moderado por un profesional de recoñecido prestixio.

As obras presentadas non poderán incluír, utilizar ou sincronizar músicas preexistentes nin fragmentos de obras audiovisuais alleas, en ningún caso. A peza debe ser completamente orixinal. Tampouco se deben incluír imaxes de persoas que non o autorizaran expresamente (familiares, veciños, viandantes, etcétera), nin imaxes de cadros ou fotografías alleas.

O envío de obras realizarase telematicamente ao correo electrónico: formacion@fundacionsgae.org.

Máis información e bases