A SGAE anima a gozar do teatro sen saír da casa

Dia Mundial do Teatro

Premios Max pon en marcha unha iniciativa en redes sociais para “berrar ao mundo” por qué o teatro nos fai voar

A mensaxe desta efeméride, elaborada este ano polo autor pakistaní Shahid Nadeem, salienta o papel das artes escénicas na sociedade, aínda máis en momentos de incerteza

O Consello Territorial da SGAE en Galicia impulsa o feito teatral a través de numerosas accións

As artes escénicas celebran a súa efeméride cada 27 de marzo, Día Mundial do Teatro. Nesta ocasión, e por primeira vez dende que en 1961 se institucionalizase esta data, os escenarios están pechados por mor da emerxencia sanitaria ocasionada polo coronavirus. Ante a imposibilidade de acudir fisicamente aos recintos, a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) anima a gozar do teatro sen saír da casa. Este ano podemos escribir ou ler teatro nos nosos fogares, representalo en familia ou ver obras nalgunha das moitas webs que se habilitaron a tal efecto (#quédateencasa #quedanacasa).

Dende os Premios Max e a Fundación SGAE queremos celebrar este día, con máis enerxía que nunca, cunha iniciativa en redes sociais. Porque o teatro sempre foi o noso fogar, pero nestes duros momentos de confinamento pode ser a válvula de escape que nos faga voar. Por iso, animamos a tódolos teatreiros a “berrar ao mundo” por qué o teatro nos fai soñar. Sube o teu vídeo a redes sociais baixo a etiqueta #DíaMundialdelTeatro #DíaMundialDoTeatro e participa neste movemento.

Que o teatro nos axude a levantarnos

O Día Mundial do Teatro foi instaurado en 1961 polo Instituto Internacional do Teatro (IIT). Desde aquela, cada 27 de marzo organízanse distintas actividades para celebrar e reflexionar sobre o papel da creación escénica na sociedade. Na edición deste ano, o elixido para elaborar a mensaxe desta efeméride foi o dramaturgo paquistaní Shahid Nadeem. «O teatro ten un papel, un papel noble, debe dinamizar e facer avanzar a humanidade, axudala a levantarse antes de que caia nun abismo», escribe o autor, que ve necesario recuperar a simbiótica relación entre artista e público, “ese acto sagrado”.

Ante a pandemia mundial que estamos a vivir, a súa mensaxe é máis necesaria que nunca: Que o teatro nos axude a levantarnos!

Apoio e promoción

Hoxe é un bo momento para lembrar que a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) impulsa con distintas iniciativas a promoción dunha disciplina artística que exerce case un 8% da nosa masa autoral (segundo datos de 2019, pertencen á SGAE 9.635 dramaturgos e coreógrafos). Para esta entidade, impulsar o teatro e a danza é unha tarefa fundamental que contribúe a fomentar a creación artística. A SGAE e a súa Fundación SGAE promoven numerosas iniciativas de apoio ao gremio autoral escénico e, neste aspecto, cómpre salientar os Premios Max, que naceron en 1998 co propósito de estimular e recoñecer o talento dos profesionais das artes escénicas en España. Así mesmo, a SGAE, a través da súa Fundación, organiza anualmente o Premio SGAE de Teatro Jardiel Poncela, o Premio SGAE de Teatro Infantil, o Certame Internacional Leopoldo Alas Mínguez para textos teatrais LGTBI, o Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas, os Laboratorios de Escrita Teatral ou a liña de axudas para a promoción internacional das artes escénicas, entre outras accións.

A Fundación SGAE e o teatro en Galicia

En Galicia e dende a implicación do Consello Territorial da SGAE, a Fundación SGAE convoca anualmente o concurso de Textos Teatrais en Galego e a súa posterior lectura dramatizada. Tamén se apoia a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas a través do seu Torneo de Dramaturxia. Colaboramos con Galicia Escena Pro, a mostra galega de espectáculos escénicos organizada por AGADIC (Xunta de Galicia), e dende a súa primeira edición somos unha das súas sedes oficiais. No noso recinto de Santiago de Compostela albergamos, tamén, parte importante da programación do Festival Internacional de Títeres Galicreques. Pero, ademais, dende 2008, moitos milleiros de nenos e nenas puideron asistir aos ciclos Escena en familia e Escena con clase, que só o pasado ano celebraron case 70 funcións.

Tradicionalmente, a Fundación SGAE apoia os Premios María Casares do teatro galego. Este ano e por primeira vez, a extraordinaria situación de alarma sanitaria obrigou a suspender a celebración deste evento, que tiña que terse producido onte, 26 de marzo. Non obstante, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), que organiza a gala, fixo público hoxe o Manifesto Galego do Día do Teatro, escrito nesta ocasión por Isabel Risco e que incide no valor da creación feminina.

Mensaxe do Día Mundial do Teatro
Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro