Mesa redonda en Santiago de Compostela sobre adaptacións no cine
Ignacio Vilar e Ángel de la Cruz debaterán este venres, 10 de xaneiro, sobre o axuste da narrativa literaria á linguaxe cinematográfica

Trala conversa, moderada polo xornalista e escritor Manuel de Lorenzo na sede compostelá da Fundación SGAE, proxectarase ‘A esmorga’

A Fundación SGAE clausura o seu ciclo Adaptacións de cine cunha mesa redonda na que participarán os guionistas e directores Ángel de la Cruz e Ignacio Vilar. Celebrarase este venres, 10 de xaneiro, ás 16:30 horas con acceso gratuíto na sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela. Trala conversa, moderada polo xornalista e escritor Manuel de Lorenzo, proxectarase A esmorga (2014), o filme realizado por Ignacio Vilar sobre a novela homónima de Eduardo Blanco Amor.

A mesa redonda proposta pola Fundación SGAE tratará as particularidades na translación da narrativa da literatura ou a banda deseñada á linguaxe cinematográfica, coas dificultades e vantaxes que isto implica. Vilar e De la Cruz exporán, dende a súa propia experiencia, o seu criterio no tratamento e ambientación dunha historia previamente publicada. Explicarán, tamén, cáles son os problemas e beneficios ao traballar cun texto xa coñecido polo público. Lorenzo, pola súa banda, achegará aos cineastas a súa perspectiva como escritor.

O ciclo Adaptacións de cine, impulsado polo Consello Territorial da SGAE en Galicia, exhibiu na sede compostelá dos autores as películas Enrugas (Ignacio Ferreras, 2012), A praia dos afogados (Gerardo Herrero, 2015) e A esmorga (Ignacio Vilar, 2014), que tamén pechará a programación este venres, 10 de xaneiro, ás 18:30 horas con entrada libre.