Principais conclusións do 'Diagnóstico da profesión autoral' en Galicia

Víctor Sierra, Carlos M. Abella, Juan Rivas e Miguel Diéguez, na presentación do 'Diagnóstico da profesión autoral en Galicia.

O informe, impulsado polo Consello Territorial da SGAE a través da Fundación SGAE, debuxa a situación actual do oficio a partir dunha enquisa realizada a máis de 200 autores e autoras

Juan Rivas, presidente dos autores galegos, presentou os datos do ‘Diagnóstico’ este mediodía en Santiago de Compostela

O Consello Territorial de SGAE en Galicia presentou este mediodía o Diagnóstico da profesión autoral en Galicia. Os resultados deste informe divulgáronse na sala Germán Coppini da Fundación SGAE en Santiago de Compostela; o acto desenvolveuse ante unha representación do sector cultural e institucional de Galicia. Participaron na mesa Juan Rivas (presidente Consello Territorial SGAE) e Carlos Manuel Abella (socio director da consultora Abella & Valencia), acompañados por Víctor Sierra (membro do Consello Territorial de Galicia) e Miguel Diéguez (director SGAE Noroeste).

O Diagnóstico da profesión autoral en Galicia, impulsado polo Consello Territorial da SGAE a través da Fundación SGAE, é un debuxo da situación actual deste gremio da cultura. Recolle unha perspectiva ampla: partindo dunha enquisa realizada a máis de 200 autores e autoras, examinouse a percepción propia desta profesión, os seus principais problemas e obxectivos, o perfil profesional do sector, a súa imaxe, o papel da administración pública no seu labor e o impacto de internet no seu traballo.

Juan Rivas, autor e presidente do Consello Territorial da SGAE en Galicia, declarou este mediodía que “se trata dunha análise que representa a unha poboación de 3.814 autores e autoras residentes nesta Comunidade, socios da SGAE. Entre estas persoas hai compositores musicais, letristas, directores, guionistas de obras audiovisuais e escritores de textos teatrais”. Rivas explicou que “a través dun cuestionario acadamos unha panorámica da realidade que esta profesión percibe, de qué evolución agarda e de cál é o perfil medio dos e das profesionais do sector creativo cultural en Galicia”.

O Diagnóstico da profesión autoral en Galicia, un traballo procesado pola consultora Abella & Valencia coa coordinación da Fundación SGAE, revela escasas pautas de homoxeneidade e uniformidade na profesión autoral, que se distingue por un certo grao de precariedade. Deseguido, algunhas conclusións do informe:

· O 70% dos autores ten que complementar a súa actividade creativa con outras; o 45,6% ten unha dedicación maioritaria a outras ocupacións e soamente o 19% confesa vivir con exclusividade do seu traballo autoral.
· O 21,4% dos autores e autoras participantes mantén que en 2017 tivo ingresos netos anuais inferiores a 10.000 euros.
· O 62,6% dos creadores de música e obras escénicas ou audiovisuais opina que a poboación ten pouco ou ningún coñecemento da súa profesión.
· O 64,6% valora positivamente o impacto de internet no propio traballo autoral e un significativo 86,9% ve en internet, sobre todo, unha oportunidade.

‘Diagnóstico da profesión autoral en Galicia’, versión completa
‘Diagnóstico da profesión autoral en Galicia’, resumo executivo


A autora e artista dani, durante a presentación do informe.