A sede da Fundación SGAE recibe o Nadal con Baiuca e Ortiga

A sala Germán Coppini de Santiago de Compostela celebrará este dobre concerto o 18 de decembro, ás 19:00 horas, con acceso gratuíto

Durante a mesma xornada divulgaranse os resultados do ‘Diagnóstico da profesión autoral en Galicia’, impulsado polo Consello Territorial de SGAE

A sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela recibe o Nadal con dous dos nomes máis ubicuos na programación musical do ano que remata. O vindeiro mércores, 18 de decembro, a sala Germán Coppini vibrará cos sons de Baiuca e Ortiga, representantes da actual fornada de artistas galegos con presenza en múltiples salas e festivais en toda España. O evento, que comezará a partir das 19:00 horas, será de entrada libre ata completar a capacidade. Será o broche dunha xornada, impulsada polo Consello Territorial da SGAE en Galicia, na que tamén se divulgarán os resultados do Diagnóstico da profesión autoral en Galicia.

¿Pode unha caixa de ritmos danzar ao ritmo dunha muiñeira? ¿Existen puntos comúns entre un aturuxo e unha sesión de clubbing? ¿Poden os ritmos de onte soar aos de pasado mañá? Baiuca é a resposta a todo o anterior. O autor e produtor Alejandro Guillán, nado en Catoira, está detrás dunha proposta que mestura a música galega de raíz coa electrónica. Dende a publicación do seu disco Solpor (2018), o seu repertorio foi celebrado pola prensa especializada internacional. Nos últimos meses, Baiuca foi aplaudido en multitude de salas e festivais como O Son Do Camiño, Mallorca Live Festival, Monkey Week ou Melona Fest. Encheu a praza da Quintana en Santiago de Compostela e triunfou no Sound Isidro de Madrid. Tamén recibiu o Premio Martín Códax na categoría de Música Electrónica, e segue a entregar novos temas, como a versión de Fisterra que recentemente gravou con Carlangas (Novedades Carminha).

O 18 de decembro, na sala Germán Coppini, Baiuca non será o único protagonista. Actuará tamén Ortiga, alter ego de Chicho do Funk (Boyanka Kostova e ex Esteban & Manuel). Este ano, con só un par de singles editados, puxo a bailar ao público de festivais como Caudal Fest, BBK Live, Festival de la Luz, Prestoso, O Son Do Camiño ou Vida Festival, entre outros. O seu primeiro disco, titulado Chicho & sus chichas, foi publicado xusto dous meses antes deste concerto na Fundación SGAE. É unha proposta para bailar que continúa na liña desenvolvida por Esteban & Manuel, pero con carácter aínda máis festivo e verbeneiro: cumbia, merengue, salsa, trap e pop alternan con naturalidade e humor sobre secuencias electrónicas deseñadas para poñer a proba as cadeiras. Se é unha festa, está Ortiga.

‘Diagnóstico da profesión autoral en Galicia’

Na mañá do 18 de decembro (12:30 horas) divulgaranse os resultados do Diagnóstico da profesión autoral en Galicia, un informe impulsado polo Consello Territorial da SGAE a través da Fundación SGAE. Trátase dun debuxo da situación actual deste gremio da cultura cunha perspectiva ampla: partindo dunha enquisa realizada a máis de 200 autores e autoras, examinouse a percepción propia desta profesión, os seus principais problemas e obxectivos, o perfil profesional do sector, a súa imaxe, o papel da administración pública no seu labor e o impacto de internet no seu traballo.