A luguesa Rocío Bello e Javier Hernando gañan o XX Premio SGAE de Teatro Infantil 2019 con ‘Necesito una flor’
Unha divertida historia sobre unha madre e un fillo que loitan contra a xentrificación da gran cidade nun pobo andaluz

O propósito do galardón é impulsar a creación teatral orientada ao público infantil

Os dramaturgos Rocío Bello (Lugo, 1978) e Javier Hernando (Ávila, 1986) son os gañadores dp XX Premio SGAE de Teatro Infantil, que convoca anualmente a Fundación SGAE, pola súa obra Necesito una flor. A parella de autores conquista así este galardón, dotado con 8.000 euros, diploma, publicación do texto na Serie de Teatro Infantil e Xuvenil Sopa de Libros (que o grupo editorial Anaya coedita coa Fundación SGAE) e a dramatización do texto gañador dentro do XXIV Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas.

Ambos autores teñen experiencia previa en teatro infantil. Rocío Bello dá clases de teatro a nenos dende hai vinte anos; actividade que compaxina coa dirección da Escola Municipal de Arte Dramática do concello de Madrid. No caso de Javier Hernando, dirixe a compañía teatral Los Bárbaros xunta Miguel Rojo. Veñen de estrear nos Teatros del Canal a obra Mutantes, con nove rapaces de dezaséis anos. Hernando e Rojo tamén escriben teatro infantil xuntos.

“É fundamental que se convoquen este tipo de premios”, declara Javier Hernando, “axuda a visibilizar a escrita para nenos e nenas”. “Gústanos que a Fundación SGAE trate coa mesma importancia este premio ca os demais que convoca”, explica o dramaturgo. “Nos últimos anos estanse a facer cousas moi interesantes para fomentar a escrita de teatro para tódolos públicos: este labor da SGAE, o traballo de ASSITEJ ou a dramaturxia de Itziar Pascual”, subliña o coautor de Necesito una flor, unha divertida historia sobre unha nai e un fillo que loitan contra a xentrificación da gran cidade nun pobo andaluz.

Nos vinte años de historia deste galardón é a primeira vez que o gaña unha parella de autores. O tándem Bello-Hernando ten experiencia previa na escrita de teatro infantil. De feito, en 2016 gañaron o Premio ASSITEJ España de Teatro para a Infancia e a Mocidade pola súa obra Estrellas y agujeros negros (entre otras cosas). Nesta ocasión, repiten coa escrita conxunta, unha tarefa nada doada que Hernando define como “un proceso de amor e confianza; amor polo traballo do outro e confianza na súa escrita. No noso caso, imos escribindo á vez, sen moita planificación, pasándonos o material; corrixindo, reescribindo, falando moito e lendo en voz alta”, explica o autor.

O xurado do XX Premio SGAE de Teatro Infantil estivo presidido polo director da compañía de títeres El Espejo Negro, Ángel Calvente; a codirectora do Festival de Artes Escénicas Frinje, Marion Betriu; os actores Patricia Cercas, María Hervás e Pablo Cruz; e o gañador do XIX Premio SGAE de Teatro Infantil, Paco Romeu. Ao XX Premio SGAE de Teatro Infantil concorreron un total de 46 obras orixinais.

Sobre os gañadores

Rocío Bello (Lugo, 1978) e Javier Hernando Herráez (Ávila, 1986) dedícanse a escribir, entre outras cousas. Rocío estreou este ano Mi película italiana no Teatro Español e dirixe a Escola Municipal de Arte Dramática do concello de Madrid. Javier dirixe xunta Miguel Rojo a compañía Los Bárbaros e traballa na Escola Superior de Arte Dramática de Castela e León. Con Estrellas y agujeros negros (entre otras cosas) gañaron o Premio ASSITEJ España de Teatro para a Infancia e a Mocidade 2016. A día de hoxe viven en Madrid cun gato chamado Huevo.

Sobre 'Necesito una flor'

Sabemos que Miguelillo é un neno perigoso, sabémolo porque ten os dentes negros. Vive no hostal da súa mamá, no cuíño dunha rúa con forma de U. Ao volver a casa, decatouse de que a súa rúa está cambiando: o bar das nenas “pelúas” está cheo de caixas e a panadaría é agora unha inmobiliaria. Miguelillo quere entender o que está a pasar. E todo isto sabémolo grazas a Pescadilla, unha gata insolente, e ao noso amigo Miguel Ruz Velasco.

Sobre o Premio SGAE de Teatro Infantil

A Fundación SGAE convoca este galardón dende hai 20 anos co propósito de impulsar a creación de novos textos dramáticos dirixidos a nenos que, tanto pola boa calidade e orixinalidade dos seus diálogos, como pola súa visión escénica, contribúen ao progreso do panorama teatral orientado a público infantil. Dende o ano 2000, o premio recoñeceu a: Paco Romeu, en 2018; Nieves Rodríguez Rodríguez, en 2017; Paco Gámez, en 2016; Itziar Pascual, en 2015; Rodrigo Muñoz, en 2014; Luis Matilla, en 2013; Mariano Lloret, en 2012; Gracia Morales, en 2011; Cesc Adriá, en 2010; Magdalena Labarga, en 2009; Luis Matilla, en 2008; Helena Tornero, en 2007; Juan Luis Mira, en 2006; Joseph Albanell, en 2005; Rafael Alcaraz, en 2004; Carmen Fernández Villalba, en 2003; Luis Matilla, en 2002; José González Torices, en 2001; e Luis Matilla, en 2000.