Esta fin de semana, teatro para bebés na Fundación SGAE
‘Güe-güe’, da compañía Larei Lará, representarase o sábado 23 e o domingo 24 de novembro en Santiago de Compostela

A Sede de Fundación SGAE en Santiago de Compostela acolle esta fin de semana dúas funcións de Escena en Familia. O ciclo de artes escénicas para nenos diríxese esta vez aos máis cativos da casa: Güe-güe, da compañía Larei Lará, está orientada a bebés a partir de doce meses. Os pases son o sábado 23 (18:00 horas) e o domingo 24 (12:30 horas). O prezo dos billetes é de 5 euros (4 euros con desconto).

Güe-güe é un ser pequeniño e moi curioso, tan curioso que se afastou do seu niño e non sabe ónde está. Por iso, entre tódolos nenos e nenas terán que axudalo a atopar a súa mamá. Trátase dun espectáculo para cativos de 1 a 5 anos que combina traballo de actor e monicreques.

O ciclo Escena en Familia, unha iniciativa da Fundación SGAE en Santiago de Compostela, leva en activo dende abril de 2008. A seguinte convocatoria da súa programación é El barrendero, de Mad Compass (días 30 de novembro e 1 de decembro).