Marta Pazos, Guadi Galego e Carlos Portela na segunda edición de 'PULSO', da Fundación SGAE
Esta serie de charlas incidirá na transversalidade creativa entre profesionais de diferentes disciplinas

Celebraranse, con acceso gratuíto, os días 3, 4 e 5 de decembro en Santiago de Compostela

A Fundación SGAE convoca a segunda edición de PULSO, un ciclo de encontros que trata de achegar a realidade dos procesos creativos ao público. Autoras e autores ben significados nos distintos ámbitos da cultura falarán distendidamente da súa experiencia, do seu traballo e, en definitiva, da súa vida. Entre os días 3 e 5 de decembro, a sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela acollerá charlas vitais con Marta Pazos (dramaturga e directora de escena), Guadi Galego (autora e música) e Carlos Portela (guionista de televisión e cómic). A asistencia será gratuíta ata completar a capacidade do recinto.

A transversalidade será o fío condutor de PULSO nesta ocasión: cada un dos protagonistas dialogará con outro creador para reflectir a importancia das sinerxías e da contaminación interdisciplinar nos procesos creativos. Así, Marta Pazos conversará con Hugo Torres, responsable do deseño musical dos seus espectáculos; Guadi Galego charlará co debuxante e creativo audiovisual Carlos Lago; e Carlos Portela fará o propio coa realizadora e produtora Lidia Fraga.

PULSO 2019

3 decembro, 21:00 horas

Marta Pazos.Dramaturga pontevedresa de enorme talento, pero tamén directora de escena e intérprete. É directora artística da compañía Voadora, que coa súa ollada proxecta a horizontes artísticos pouco transitados, lonxe de formulacións ortopédicas. As súas creacións teñen sido programadas no Centro Dramático Nacional, Centro Dramático Galego, Festival de Almagro, Fringe-Matadero Madrid, MIT Ribadavia ou FIOT, representándose en diversas localizacións de España, Portugal, Brasil, Mozambique, Francia ou República Checa. A súa obra máis recente é A amnesia de Clío, unha ópera galega en gran formato que se estrea o 10 de novembro no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela).

*Conversará con Hugo Torres, director artístico e responsable do deseño musical da compañía Voadora.

4 decembro, 21:00 horas

Guadi Galego. Autora e música nada en Cedeira, desenvolveu unha extensa e prolífica andaina profesional con base na música de raíz. Comezou en Berrogüetto e foi parte fundamental de proxectos como Espido ou Nordestin@s. En 2009 publicou o primeiro traballo dunha carreira artística en solitario que, ata hoxe, tenlle reportado o Premio da Crítica Galicia, un Premio Martín Códax e dous Premios La Opinión, entre outros. Convertida en referente e asimilado xa o pouso tradicional da súa obra, a busca creativa desta artista evolucionou cara diferentes disciplinas musicais. O seu disco máis recente, Immersion (outubro de 2019), é unha relectura do seu cancioneiro en sete linguas da Península Ibérica coa colaboración de importantes artistas.

*Acompañaraa Carlos Lago, profesor, debuxante e realizador de videoclips para Guadi Galego e outros artistas.

5 decembro, 21:00 horas

Carlos Portela. A carreira deste guionista vigués resulta da transversalidade de dous mundos: o audiovisual e o cómic. Portela é escritor de numerosas historietas ás que, coa complicidade dos seus debuxantes, imprimiu unha narrativa moi influída pola linguaxe cinematográfica. E viceversa: os seus múltiples guións para obras audiovisuais benefícianse da ollada áxil e expresiva da banda deseñada. No seu currículo cómpre salientar os seus textos para o programa Xabarín Club, de pouso xeracional. Tamén os seus guións para teleseries como Padre Casares ou Matalobos. Actualmente, traballa en Bambú Producciones desenvolvendo textos e historias para series tan coñecidas como Velvet Colección ou Las chicas del cable. Tamén é o subdirector do festival de cómic Viñetas desde o Atlántico (A Coruña).

*Charlará con Lidia Fraga, produtora, realizadora e guionista de series como Hospital Real ou Pazo de familia, entre moitas outras obras audiovisuais.