Teatro e poesía na Fundación SGAE con ‘Poeta niña’
A creadora e actriz arxentina Gabriela González López trae esta fin de semana a Santiago de Compostela versos escritos por nenos para nenos

A Sede de Fundación SGAE en Santiago de Compostela ofrece esta fin de semana dúas novas funcións do seu ciclo Escena en Familia. A actriz arxentina Gabriela González López trae o espectáculo Poeta niña, unha creativa dramatización de versos escritos por nenos para nenos. Os pases son o sábado 9 (18:00 horas) e o domingo 10 (12:30 horas) de novembro, e o prezo dos billetes é de 5 euros (4 euros con desconto). Recoméndase para nenos a partir de seis anos de idade.

Poeta niña é unha invitación a xogar coas palabras e os sons, unha viaxe á liberdade, unha chamada a espertar o poeta interior e o neno interior para vivir con creatividade e empatía os tempos actuais. Poesías escritas por poetas nenos para nenos poetas, pero tamén obras de autores consagrados. Todo isto preséntase de xeito lúdico e desenvolvendo a historia dunha personaxe con humor, ritmo, cancións, xogos e versos.

A creadora e actriz, Gabriela González López, traballa non só na súa Arxentina natal, senón tamén en Brasil, México, Perú ou España. A estes países e outros ten levado as súas propostas escénicas, cuxa orixinalidade acadou diversos premios e recoñecementos.

O ciclo Escena en Familia, unha iniciativa da Fundación SGAE en Santiago de Compostela, está en activo dende abril de 2008. As seguintes representacións corresponderán aos espectáculos La boda de la pulga y el piojo (compañía La Gotera de Lazotea, 16 e 17 de novembro) e Güe güe (compañía Larei Lará, 23 e 24 de novembro).