O galego Antón Alcalde, finalista do 'Premio Jóvenes Compositores 2019 Fundación SGAE-CNDM'
Tres autores e unha autora de menos de 35 anos compiten neste certame, que concede 11.700 euros en galardóns

O gañador coñecerase nun concerto, o vindeiro 18 de novembro, no Auditorio do Museo Reina Sofía de Madrid

A Fundación SGAE e o Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM) anunciaron hoxe, 9 de outubro de 2019, as catro obras finalistas da XXX edición do Premio Jóvenes Compositores Fundación SGAE-CNDM.

O galego Antón Alcalde (Rianxo-A Coruña, 1992) está entre os catro autores que aspiran a galardón grazas a Firefly, a obra que presentou a concurso. Os traballos deste compositor teñen sido interpretados en máis de 20 países de tódolos continentes. Ten recibido encargas de importantes organizacións nacionais e internacionais, coma o Consello da Cultura Galega, Bevers Harmonieorkest, Izumo Symphonic Band Enishi ou a Real Filharmonía de Galicia. Con 15 anos, Alcalde gañou o primeiro premio no II Concurso Iberoamericano de Composición para Banda (2009), facéndose tamén co primeiro premio ata en cinco ocasións consecutivas no Concurso Galego de Composición para Banda (2009-11). Foi candidato aos Hollywood in Media Awards (Os Ánxeles, EE UU) e recibiu a medalla de prata nos prestixiosos Global Music Awards (San Diego, EE UU), sendo o autor máis novo en acadar un premio. En 2017 foi seleccionado como compositor residente no ArtsIceland Institute de Islandia. A súa obra ten sido interpretada por solistas internacionais como Alexandre Doisy, Roberto Oliveira ou Hiroko Yamakawa.

Firefly, de Antón Alcalde, participa no Premio Jóvenes Compositores Fundación SGAE-CNDM 2019 con outras tres obras finalistas: La noche de Walpurgis, de David Cantalejo Gómez (Bilbao, 1985); Overthinking 1 C, de María del Pilar Miralles Castillo (Almería, 1997); e Res nata. Reflexión ontológica sobre el ornamento, de Bruno Angelo (Brasil, 1985). Disputaranse os galardóns “Xavier Montsalvatge” (primeiro premio, 6.000 €); “Carmelo Alonso Bernaola” (segundo premio, 3.000 €); “Francisco Guerrero Marín” (terceiro premio, 1.500 €) e “Juan Crisóstomo Arriaga” (mención honorífica, 1.200 €). Todos eles acompañados de diploma acreditativo.

As composicións finalistas serán interpretadas polo conxunto instrumental KOAN 2, baixo a dirección de José Ramón Encinar, no concerto final, que inclúe a entrega de premios. O evento, con acceso libre ata completar a capacidade, celebrarase o vindeiro 18 de novembro de 2019 no Auditorio 400 do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid dentro do ciclo Series 20/21, do Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM).

Compositor Residente da Rede de Músicas

A estes catro galardóns súmase o Premio Especial JM España, que outorgará Juventudes Musicales de España. Deste xeito, o gañador do Primeiro Premio desta edición converterase en Compositor Residente da Rede de Músicas de JM España durante a temporada 2020-2021. JM España encargaralle tres obras de música de cámara e outorgará 1.000 euros por cada peza.

Sobre o 'Premio Jóvenes Compositores'

A Fundación SGAE e o CNDM convocan anualmente este premio co propósito de estimular a creación no eido da música clásica contemporánea entre os creadores de ata 35 anos, contribuír ao desenvolvemento e coñecemento social de novas linguaxes, tendencias e modos de expresión musicais. Creado en 1987 pola SGAE, converteuse nun dos máis importantes certames do seu tipo, polo seu nivel de organización e o seu rigor, polo prestixio dos intérpretes e dos xurados participantes.

A través das súas 29 edicións, o premio serviu de escaparate promocional nos inicios profesionais de moitos autores contemporáneos que actualmente gozan dun maior recoñecemento e cuxas obras son habituais nos circuítos internacionais. Entre os gañadores das súas anteriores edicións destacan Agustín Charles, Mauricio Sotelo, José María Sánchez-Verdú, Jesús Rueda, Jesús Torres, Pilar Jurado, Gabriel Erkoreka, Ramón Humet, Juan Cruz Guevara, Jesús Navarro, Oliver Rappoport ou Nuria Núñez, entre outros.

Máis información sobre os finalistas