‘Camiño Escena Norte’ remata esta semana en Galicia

Compañías teatrais de todo o Cantábrico chegan esta semana a Sobrado dos Monxes e Santiago de Compostela

Mañá, 9 de outubro, o Pazo da Cultura de Carballo acolle un encontro de dramaturgos

Fundación SGAE apoia este proxecto de intercambio escénico con Asturias, Euskadi e Cantabria

O proxecto Camiño Escena Norte vive as súas derradeiras xornadas en Galicia. Trátase dunha ambiciosa iniciativa de intercambio promovida polas asociacións escénicas de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, e conta co apoio da Fundación SGAE a través do seu Consello Territorial en Galicia.

Mañá, 9 de outubro, o Pazo da Cultura de Carballo (en colaboración con FIOT) acolle Escena Norte Idea, un encontro de dramaturgos das Comunidades cantábricas que falarán sobre a diversidade cultural e as artes escénicas, o impacto do sector no tecido social e a súa relación co medio rural, entre outras cuestións. Tamén se valorará a importancia do Camiño de Santiago como conector e vertebrador cultural.


'Como ceniza blanca sobre una hoguera', de La Tejedora de Sueños

Coa fin de semana chegarán as derradeiras representacións. Así, o venres 11, a compañía asturiana La Tejedora de Sueños porá en escena o espectáculo Como ceniza blanca sobre una hoguera, de Néstor Villazon. Será no Salón Teatro de Santiago de Compostela, ás 20:30 horas. Os convites poden recollerse dende dúas horas antes na propia billeteira.


'Beatus, visiones del Apocalipsis', de Espacio Espiral

O sábado 12, o Mosteiro Cisterciense de Santa María (Sobrado dos Monxes) ofrecerá unha función de Beatus, visiones del Apocalipsis, da compañía cántabra Espacio Espiral. É unha proposta baseada en textos de San Xoán, T.S. Eliot e contos da tradición europea. A montaxe, que rexeita unha narrativa lineal, provoca no espectador sensacións que apelan ao máis fondo do subconsciente. O acceso é gratuíto e, ao remate da función, establecerase un encontro da compañía co público asistente.


'Sagartu', de Hika Teatroa

Por último, o domingo 13 pecharase a programación de Camiño Escena Norte co espectáculo de rúa Sagartu, da compañía vasca Hika Teatroa. Arantxa Iturbe e Agurtzane Intxaurraga comparten a autoría desta creación, que integra música ao vivo, teatro e danza para contar a historia da mazá a través do tiempo. Representarase na Praza da Quintana de Santiago de Compostela ás 18:30 horas. Ás 12:30 horas, no Salón Teatro compostelán haberá un obradoiro contextual a cargo da propia compañía.

Sobre ‘Camiño Escena Norte’

Camiño Escena Norte é un proxecto articulado arredor dun novo itinerario de intercambio cultural: o proxecto celebra neste territorio espectáculos das Comunidades cantábricas, e leva obras galegas ás demais rexións seguindo o Camiño Norte. A iniciativa, promovida polas asociacións de produtoras Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE (Cantabria) e Eskena (Euskadi), conta co apoio da Fundación SGAE (a través do Consello Territorial da SGAE en Galicia), a Xunta de Galicia (a través de AGADIC), e as deputacións da Coruña e Lugo.

Camiño Escena Norte xurde co obxectivo de coñecer máis e mellor aos nosos veciños do norte peninsular. Toma a ruta histórica do Camiño de Santiago do Norte como referencia para unha intensa programación escénica que remata este vindeiro domingo.

Máis información e detalle de programación