Convócase o ‘I Premio AGAG de Guión en Galego para Longametraxe’, co apoio da Fundación SGAE
Dotado de 2.500 euros, está destinado a obras orixinais en galego de autores residentes no territorio español

O Consello Territorial da SGAE en Galicia apoia esta convocatoria, que pecha o seu prazo de admisión o 1 de decembro

A Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), co apoio da Fundación SGAE, convoca este 2019 o I Premio AGAG de Guión en Galego para Longametraxe. Os obxectivos deste concurso son potenciar a lingua galega no audiovisual, promover aos autores que escriben en galego e axudar a difundir o traballo dos socios de AGAG e SGAE.

Consulta aquí as bases

O premio, que conta co respaldo do Consello Territorial da SGAE en Galicia, está aberto aos autores maiores de idade que o desexen, de calquera nacionalidade, residentes no territorio español. Os guións deberán estar escritos en lingua galega e para longametraxes de ficción. A temática das obras será libre, pero valorarase que a acción transcorra en Galicia.

O prazo de admisión dos guións será do 1 de outubro ao 1 de decembro de 2019. O xurado escollerá tres finalistas, que se anunciarán o 16 de decembro. O gañador definitivo farase público nun acto que terá lugar o venres 20 de decembro na Sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela.

O premio contará cunha dotación económica de 2.500 euros. Será descualificada toda obra filmada ou comprometida con algunha empresa audiovisual antes do premio. Igualmente, quedará excluído todo guión premiado antes noutro concurso.

Consulta aquí toda a información, bases íntegras e contacto do I Premio AGAG de Guión en Galego para Longametraxe