Os coruñeses Turma Caipira tocan este venres no ciclo 'Berlanga Pop Tropical'
O cuarteto liderado por Marga Ramos presenta en Madrid a súa fusión de música brasileira, jazz e pop

Os reputados grupos Club del Río e Los 300 completan a programación deste ciclo de Fundación SGAE na Sala Berlanga

A Fundación SGAE inaugura a súa temporada de concertos na Sala Berlanga de Madrid co ciclo Berlanga Pop Tropical. Entre o 19 e o 21 de setembro, a mostra ofrecerá tres concertos con algúns dos grupos máis sorprendentes do panorama musical actual: Los 300, Club del Río e os coruñeses Turma Caipira.

Turma Caipira estará na Sala Berlanga o venres, 20 de setembro, ás 21 horas. A paixón pola música popular brasileira é o punto de unión deste cuarteto integrado por Marga Ramos (voz), Fran Castro (piano e coros), Quique Alvarado (baixo) e Samuel Pérez (batería). O grupo participou este ano en eventos referenciais, coma o Festival Noroeste ou o festival +QueJazz, e foi finalista dos Premios Martín Códax na categoría Músicas del Mundo. O seu repertorio propio, interpretado en portugués, convive no escenario con clásicos brasileiros do tropicalismo.

Turma Caipira é unha revelación na actual escena musical galega. No seu debut discográfico (Bellis Silvestris, 2018), o timbre único da coruñesa Marga Ramos canta sobre as harmonías tecidas por un trío de músicos formados no jazz. O coro de Fran Castro aporta ás súas melodías unha tintura pop que abre a súa proposta a un público amplo. A intersección destas influencias outorga á formación un carácter propio e novo que agora se dá a coñecer en Madrid.

Tras anos de investigación e afondamento en xéneros coma a bossa nova, a samba ou o baiao, Turma Caipira ofrece un temario de cancións de amor e vida que transcenden os estilos, pero que saben a tropicalismo, jazz, morriña e praia. Completan a programación de Berlanga Pop Tropical outros dous grupos con grandes críticas no ámbito musical alternativo: Los 300, trío granadino xurdido de Eskorzo que fusiona funk e ritmos latinos; e a numerosa formación madrileña Club del Río co seu neofolk mestizo.

Preme aquí para máis información