Fundación SGAE apoia o concurso 'CreaClásica'
Este proxecto, convocado pola Orquesta Clásica de Vigo, fomenta a nova creación sinfónica en Galicia

Os compositores titulados a partir de 2015 poden enviar os seus traballos ata o 29 de outubro

A Orquesta Clásica de Vigo pon en marcha CreaClásica, un concurso de composición destinado a novos compositores galegos. A Fundación SGAE, a través do Consello Territorial da SGAE en Galicia, apoia este proxecto, que aposta pola difusión e recoñecemento de talentos emerxentes e que busca, ademais, incrementar o repertorio sinfónico galego contemporáneo. Este concurso de composición está destinado a ofrecer unha plataforma para todos aqueles autores galegos que saen dos nosos conservatorios e que, a día de hoxe, non contan cun espazo destinado a divulgar e difundir as súas creacións.

A primeira convocatoria foi presentada onte no Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo por Manuel Martínez (director técnico da Orquesta Clásica de Vigo) e Juan Rivas (presidente do Consello Territorial da SGAE en Galicia).

Os compositores que desexen participar en CreaClásica deberán ser titulados nos últimos 5 anos (de 2015 en adiante) e socios da SGAE. Poderase presentar unha única obra, xa estreada ou inédita, cunha duración máxima de 15 minutos e mínima de 5 minutos. Os traballos deberán ser enviados a crea@orquestaclasica.com a través da plataforma Wetransfer, evitando en todo momento amosar elementos que poidan identificar ao autor, coa fin de garantir o anonimato ante o xurado.

O prazo para presentar as candidaturas e os materiais está aberto ata o día 29 de outubro ás 14:00 horas. Proporcionarase unha dotación económica para cada un dos gañadores: 500, 300 e 200 euros para o primeiro, segundo e terceiro posto, respectivamente. As obras serán interpretadas pola Orquesta Clásica de Vigo ao longo da súa temporada de concertos para o ano 2020.

Máis información e bases