O III Torneo de Dramaturxia de Galicia celébrase mañá en Cangas co apoio da Fundación SGAE

Foto: Torneo de Dramaturxia de Galicia 2018, por ProLight.

Esther F. Carrodeguas dirixirá o espectáculo este 3 de xullo a partir das 22:30 horas

O ‘combate’ tomará corpo na SalaSón dentro da programación da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas

O III Torneo de Dramaturxia de Galicia consolídase como unha aposta firme da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas na súa XXXVI edición. O obxectivo deste peculiar combate é dar a coñecer a dramaturxia galega actual, creando un nexo directo entre autores e público. Este proxecto, pioneiro en Galicia, conta coa imprescindible colaboración da Fundación SGAE e a asociación profesional DramaturGA. Celebrarase mañá, mércores 3 de xullo, a partir das 22:30 horas na SalaSón de Cangas.

No III Torneo de Dramaturxia de Galicia, a autora Esther F. Carrodeguas oficiará de mestra de cerimonias que presentará a catro recoñecidos dramaturgos baténdose na procura do voto do público. Os aspirantes son Ana Carreira, Carmen Conde, Fran Godón e Zé Paredes, que usarán palabras, ideas, ritmos, conflitos, sorpresas, accións e silencios para conquistar á audiencia.

O público asistirá a catro lecturas dramatizadas, interpretadas por actrices e actores profesionais de recoñecido prestixio, e será o propio público quen vote para escoller a obra gañadora. Trátase dun espectáculo teatral divertido e único que se verá avivado polo pianista Velpister e a participación activa do público. Na anterior edición, o triunfo recaeu no texto Caída libre, de José Prieto, dramatizado polas actrices Noelia Blanco e Machi Salgado.

Máis información sobre o III Torneo de Dramaturxia de Galicia