Jamila Purofilin e o lendario guitarrista Rey Montesinos ofrecen un concerto na Fundación SGAE
‘Alma bohemia’ conmemora o 500º aniversario da Habana co mellor do repertorio cubano

O reputado músico Rey Montesinos foi arranxista de Buenavista Social Club e director da orquestra do Tropicana

O sabor do bolero e o filin cubano máis xenuíno chegan á sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela. Jamila Purofilin e Rey Montesinos presentan o espectáculo Alma bohemia o venres 5 de xullo na sala Germán Coppini. A cantante Jamila Castillo, artista familiar para o público compostelán, interpreta un coñecido repertorio xunta o reputado Montesinos, lendario músico cubano. Non faltarán clásicos como “Lágrimas negras”, “El manisero”, “Yolanda”, “Sabor a mí” ou “Veinte años”, revisados todos por quen fora arranxista de Buenavista Social Club durante 13 anos.

Podes acceder aquí á compra de billetes

Jamila Purofilin e Rey Montesinos coñecéronse na Habana hai só uns meses. Cantaron xuntos na Peña del Bolero da Unión de Escritores y Artistas de Cuba (UNEAC) e tamén na Peña Leo Montesinos.

Rey Montesinos (nado en 1944, ten agora 75 anos) é un dos máis distinguidos músicos da illa. Profesional da canción dende a súa infancia, foi arranxista de Buenavista Social Club durante 13 anos ata a súa despedida, en 2016. Tamén foi director da orquestra do prestixioso club Tropicana, atesoura importantes premios e ten tocado en 26 países de todo o mundo. As súas últimas visitas a España foron en 1993 e 1994, como director musical do espectáculo Antología del bolero.

Jamila Purofilin comezou a súa andaina en Madrid en 1997. Ten cantado nunha morea de escenarios: de Asturias á Rioxa; de Cataluña a Francia ou A Habana. E en Santiago de Compostela, onde reside. Recibíu o apoio da Fundación SGAE co seu disco Julio Cortázar songs (2014) e formou parte da residencia creativa XVII Semana de Autor Fundación SGAE en Granada (2015).

O repertorio que interpretarán conxuntamente Jamila e Montesinos na Fundación SGAE, co título deAlma bohemia, é unha conmemoración dos 500 anos da Habana. Soarán pezas tan coñecidas como “Veinte años” (María Teresa Vera), “Dos gardenias” (Isolina Carrillo), “Lágrimas negras” (Miguel Matamoros), “Pequeña serenata diurna” (Silvio Rodríguez); “Yolanda” (Pablo Milanés), “Sabor a mí” (Álvaro Carrillo) ou “Son al son” (César Portillo de la Luz), entre outras. Boleros, son, vieja e nueva trova, habanera e moito filin para sintetizar o patrimonio musical cubano coa guitarra dun dos seus expoñentes máis sobranceiros. Tralo seu concerto en Santiago de Compostela, o espectáculo viaxará a Cádiz, Barcelona ou Madrid.