I Premio SGAE de Teatro ‘Ana Diosdado’
A entidade recoñece os textos escritos por mulleres cunha dotación económica de 4.000 euros

As interesadas poden enviar os seus traballos ata o 20 de agosto de 2019

A Fundación SGAE, como reflexo do seu compromiso pola igualdade, convoca por primeira vez o Premio SGAE de Teatro Ana Diosdado 2019 para textos escritos por mulleres. A entidade pretende así recoñecer, dar pulo e visibilizar a creación e a dramaturxia contemporánea feminina de excelencia.

O certame está aberto a tódalas autoras socias da SGAE de calquera nacionalidade. O prazo de presentación dos textos orixinais, que poden estar escritos en calquera dos idiomas oficiais do Estado español e portugués e en coautoría, rematará o vindeiro 20 de agosto. As obras non poden estar publicadas nin ter sido representadas en espazos escénicos.

Un xurado designado pola entidade, integrado por profesionais do mundo das artes escénicas, seleccionará o texto gañador. O premio para a obra galardoada será unha dotación económica de 4.000 €, a dramatización do texto gañador dentro do Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas e a súa publicación na colección Teatroautor que a Fundación SGAE edita anualmente. O resultado farase público na Mostra de Teatro Español de Autores Contemporáneos de Alacante o 11 de novembro de 2019.

Sobre o Premio SGAE de Teatro ‘Ana Diosdado’

O Premio SGAE de Teatro Ana Diosdado é, ademais dunha plataforma de visibilización e impulso para a dramaturxia contemporánea feminina, un tributo á memoria da guionista e dramaturga Ana Isabel Álvarez-Diosdado Gisbert (1938-2015). Entre as súas obras sobranceiras figuran Olvida los tambores,Usted también puede disfrutar de ella, e o fenómeno televisivo Anillos de oro (TVE). A autora foi a primeira muller que ocupou o cargo de presidente da Sociedade Xeral de Autores e Editores, posto do que se encargou dende 2001 ata 2007.

Bases e inscrición